luns, 23 xuñ 2008
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, salientou este luns a importancia da internacionalización como "estratexia para facer frente a situación de crise actual". O vicepresidente da Xunta así o afirmou na inauguración da I Rolda Empresarial Vigo – Latinoamérica, que tivo lugar no Pazo de San Roque, e na que tamén participaron o alcalde da cidade, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, así como o reitor da Universidade viguesa, Alberto Gago, o presidente da Autoridade Portuaria, Xesús Paz, o presidente da Federación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e o coordinador do programa Iberpyme, Gonzalo Capriles, entre outros. <br />
martes, 17 xuñ 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, valorou positivamente este martes o primeiro ano de Goberno municipal, aínda que anima a superar os erros cometidos no transcurso destes doce meses. "Temos que facer unha valoración dende a responsabilidade e a autocrítica", subliñou o tenente de alcalde, quen estivo acompañado polos concelleiros e concelleiras do BNG no Concello de Vigo, María Méndez, Xabier Alonso, Iolanda Veloso, Xesus López e Elena Maure.
venres, 6 xuñ 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, visitaron este venres o barrio e o mercado de Teis para coñecer as demandas e necesidades da veciñanza. "Este percorrido inscríbese no marco das visitas que habitualmente realiza o Grupo Municipal do BNG polos barrios e as parroquias viguesas para manter un contacto directo cos veciños e veciñas", subliñou o tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Turismo e Industria.<br />
martes, 3 xuñ 2008
"Apoiar o pequeno e mediano comercio vigués, eixo fundamental na creación de emprego", é un dos principais obxectivos dun novo programa de dinamización que dende o vindeiro 9 de xuño se desenvolverá en sete zonas comerciais da cidade, segundo salientou este martes o tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Industria e Turismo, Santi Domínguez. Así, cunha duración dunha semana por zona, o punto de partida da campaña "Festa do Comercio" será O Calvario, para pasar posteriormente a Teis, As Travesas, Bouzas, Centro, Vigo Vello e rematará na rúa do Príncipe a finais de ano.
luns, 2 xuñ 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acompañado do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, fixeron hoxe balance do resultado da candidatura de Vigo á Universiada de Verán 2013. Domínguez quixo comezar a súa intervención agradecendo novamente a participación da cidade de Vigo na Universiada por "facernos sentir tanto orgullo durante a nosa presentación de polo que despois escoitamos sobre Vigo".
mércores, 21 mai 2008
"Vigo ten imaxinación e creatividade, e por iso queremos sorprender en Bruxelas", subliñou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na presentación das diversas iniciativas que se levarán a cabo ata o 30 de maio, día no que a delegación viguesa da Universiada 2013 viaxará á capital belga. Entre estas iniciativas figura a recollida de 500 pares de zapatillas usadas e o seu traslado a Bruxelas, "como mostra do do apoio da cidadanía á candidatura viguesa e do seu compromiso coa coa reciclaxe".
mércores, 21 mai 2008
"A celebración da Reconquista do 2009 non pode pasar como unha festa máis", salientou o tenente de alcalde, Santi Domínguez, na presentación do programa deseñado para esta conmemoración, que coincide co Bicentenario da cidade. Así, a programación converterá a cidade nunha grande festa, coa celebración dun amplo abano de actividades, entre as que figuran a creación dun portal de Internet sobre a Reconquista e a programación do 2009, unha gran exposición, un simposio internacional, teatro na rúa, un trofeo de traiñeras e actividades escolares. "Este é o programa que xa está pechado, pero pode ampliarse nos vindeiros meses", sinalou o tenente de alcalde.
luns, 19 mai 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este luns un novo proxecto que será coordinado dende a Tenencia de Alcaldía e será desenvolvido polas concellerías de carácter social do Concello Vigués. Trátase da Carta Viguesa da Calidade de Vida, que segundo anunciou o tenente de alcalde servirá para "planificar os eidos nos que é preciso mellorar a calidade de vida da cidadanía a longo prazo" e espera que sexa aprobada polo pleno da corporación nun ano.
mércores, 7 mai 2008
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia trasladou este martes o seu apoio á candidatura de Vigo para acoller a Universiada no 2013, segundo explicou o tenente de alcalde, Santi Domínguez tras a reunión que mantivo con varios representantes desta entidade. Ademais, o tenente de alcalde indicou que entre os temas tratados no encontro figura a celebración na cidade do primeiro congreso internacional de Enxeñería Civil.
mércores, 7 mai 2008
"Acabar coas etapas de indefinición á hora de defender as nosas tradicións" é un dos obxectivos da programación coordinada dende a Tenencia de Alcaldía do Concello de Vigo con motivo da celebración do Día das Letras Galegas deste ano, segundo apuntou este martes o tenente de alcalde, o nacionalista Santi Domínguez. "O programa cultural inclúe actividades deportivas, culturais e lúdicas, como unha nova edición do Camiña e Coñece e un xantar romaría, porque se pode disfrutar coa música ou xantando en torno á nosa cultura e os nosos valores", subliñou o tenente de alcalde, quen na presentación das actividades estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.