Escoitar

O Consocio investirá 55.000 euros na limpeza de pintadas dos inmobles do Casco Vello

O tenente de alcalde e presidente do Consorcio do Casco Vello, Santi Domínguez, anunciou este mércores o investimento de 55.000 euros para a limpeza das pintadas dos inmobles propiedade de particulares no Casco Vello. Segundo sinalou Santi Domínguez, a cifra de construcións que poderán acollerse a este programa, que se porá en marcha o 1 de agosto, oscila entre os 50 e 60 inmobles.

mércores, 9 xul 2008
1215608782limpezapintadas.jpg
"Seguimos a dar pasos certeros para que entre todos fagamos actuacións no Casco Vello que permitan visualizar unha nova imaxe do barrio", apuntou o tenente de alcalde. Santi Domínguez indicou que no Casco Vello hai vivendas de particulares que están atestadas de pintadas "que afean a visión incluso das zonas que xa están rehabilitdas". Así, a Tenencia de Alcaldía e o Consorcio do Casco Vello detectou a necesidade de por en marcha un proxecto que dea resposta á demanda dos veciños e veciñas do barrio. "O programa vai dirixido a particulares que vivan no Casco Vello, quenes de xeito gratuíto poderán solicitar a limpeza e posterior mantemento das súas fachadas", explicou.

Santi Domínguez indicou que o Concello e o Consorcio do Casco Vello non poden actuar "libremente" nas propiedades privadas, polo que son os particulares os que deberán solicitar a limpeza das pintadas; pola contra, segundo matizou o tenente de alcalde, a limpeza das prazas e os edificios públicos corre a cargo do departamento de Limpeza do Concello de Vigo. A solicitude de limpeza, que se tramitará a través do Consorcio do Casco Vello, terá validez para a primeira limpeza e o posterior mantemento da fachada, agás que o propietario ou o seu representante comuniquen o contrario por escrito. Para solicitar este servizo, os propietarios ou propietarias do terreo deberán presentar un impreso de solicitude e autorización debidamente cumpridos, o DNI da persoa que solicita o servizo, o último recibo ao seu nome de IBI ou a escritura de compra-venda do terreo e a copia da inscrición rexistral. As persoas interesadas poden solicitar máis información nas oficinas do propio consorcio, ubicadas na Praza da Princesa, 7. 1º dta, ou a través do teléfono 986 442 638.

"Esta é unha iniciativa fortemente demandada polos veciños e as veciñas do Casco Vello", salientou o tenente de alcalde, quen precisou que a posta en marcha do programa e o seu desenvolvemento ata fin de ano constitúe a primeira fase dun proxecto máis amplo, que se completará durante o 2009 coa eliminación dos vertedoiros que exiten na zona. "Cremos que estaremos en condicións de solucionar estes problemas de limpeza que arrastra o Casco Vello dende hai anos", subliñou Santi Domínguez. O tenente de alcalde explicou que o servizo desenvolverase a través da empresa adxudicataria e que son dúas as empresas que cumpriron os requerimentos solicitados, polo que o proceso de adxudicación terá lugar a finais deste mes, "co obxectivo de que o programa comece a funcionar o 1 de xuño".

Respecto o proceso de expropiación de vivendas que ten lugar na cidade da Coruña, Santi Domínguez afirmou que lle parece "un bo sistema no que o Consorcio do Casco Vello e a Consellería de Vivenda xa están traballando" para poñelo en práctica. "na Coruña iniciaron o proceso hai preto de tres anos", preciou o tenente de alcalde, polo que a seu xuízo "é normal" que comecen xa as expropiacións nesa cidade. En Vigo, pola súa banda, o proceso iniciouse ao poco de que o BNG tivera responsabilidades no goberno da cidade, hai sete meses, "polo que tamén chegará o momento no que esteamos na fase das expropiacións", asegurou.

En canto á existencia de vivendas valeiras no Casco Vello, o tenente de alcalde anunciou a posta en marcha para o vindeiro ano dun programa "para motivar aos propietarios para a súa rehabilitación interior", de xeito que posteriormente poidan pasar a formar parte da bolsa de aluguer da Consellería de Vivenda. Desta forma, se potenciaría a reforma das vivendas e que os propietarios lle poidan dar un uso.

Santi Domínguez tamén fixo referenza aos problemas detectados por veciños e veciñas do Berbés. O tenente de alcalde asegurou comprender e entender o enfado e as queixas da veciñanza, pero sinalou que eses edificios "levan así dende hai anos, mentres que ata o mes de abil non tivemos a licencia de derrubo". Ao respecto, explicou que esta licenza concede aos propietarios un prazo de seis meses para levar a cabo o derrubo, de xeito que o Concello só pode actuar unha vez transcorrido ese período de tempo. "Por desgraza, o Concello non pode axilizar os trámites administrativos", sinalou, ao tempo que subliñou que se ese proceso fose iniciado hai anos "eses edificios xa non existirían". Ao respecto sinalou que a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, mantén concersas cos propietarios e propietarias dos inmobles, a fin de que executen os derrubos no seu prazo correspndente. "Temos que agardar a que se cumpran os seis meses, pero se os derrubos non se cumpren, ao día seguinte de que transcorra o prazo, faremos os trámites pertinentes para impor as sancións correspondentes", asegurou o tenente de alcalde.

En canto a existencia dunha praga de ratas nesta zona, Santi Domínguez indicou que o Concello non pode entrar "pola súa conta" nunha propiedade privada, senón que deben ser os propietarios e propietarias afectados os que soliciten ao Concello a desratización dos edificios. "O Concello só pode entrar se se demostra que hai perigo para a saúde pública e se o un xuíz o autoriza", apuntou.
Descargar todas as imaxes