Escoitar

O Concello incrementará os seus orzamentos no 2009 para impulsar a loita contra contra a violencia de xénero

A Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Igualdade incrementarán os seus orzamentos para o vindeiro exercicio co obxectivo de impulsar a loita contra a violencia de xénero e ampliar as medidas que xa se están a desenvolver dende o Concello de Vigo. <br />

martes, 19 ago 2008
1219151181medidascontraaviolencia.jpg
Así o anunciaron esta mañá o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, nunha comparecencia conxunta na que explicaron as principais novidades que se desenvolverán dende os seus departamentos, como a ampliación dos Puntos Informa, o impulso para a creación dunha rede de pisos tutelados na cidade e a posta en marcha de diversas campañas de sensibilización, destinadas aos escolares, aos inmigrantes e aos propios homes.


"Unha vez máis os homes temos motivos para sentir vergoña, pero a convivencia ten que chegar a ser posible e esta situación non pode chegar a ser normal" subliñou o tenente de alcalde, quen sinalou que xa onte convocou á concelleira de Igualdade para artellar unha serie de medidas que amplíen os servizos que ofrece ás mulleres o Concello vigués. Estas medidas, engadiu Santi Domínguez, xa foron comunicadas ao alcalde da cidade, contan co respaldo do equipo de goberno e nas vindeiras horas serán tamén comunicada á voceira do Grupo Municipal do Partido Popular. Ademais, en cumprimento do acordo plenario tomado a proposta do Consello Municipal da Muller de dar carácter oficial aos enterros das mulleres vítimas da violencia machista, a Corporación viguesa asistirá aos actos funerarios de Aelyca Dacosta, que terán lugar no cemiterio de Pereiró.

A primeira medida anunciada por Santi Domínguez refírese á inclusión de partidas orzamentarias específicas na Tenencia de Alcaldía e na Concellería de Igualdade para a ampliación dos puntos Informa, que na actualidade están en funcionamento na Federación Veciñal e en Coia. "Queremos que calquera muller poida acceder a toda a información que se ofrece dende o Concello preto de onde vive", salientou o tenente de alclade. Deste xeito, os diversos barrios e parroquias da cidade contarán cos seus respectivos Puntos Informa -ou alomenos un punto por cada dous ou tres barrios, como máximo- que se instalarán en colaboración coas asociacións de veciños. "Faremos un esforzo importante para que os puntos de información cheguen a todos os barrios da cidade", reiterou o nacionalista.

Santi Domínguez salientou a importancia de elaborar un censo de todas as mulleres de cada barrio que estean en risco de sufrir malos tratos. Esta medida vese como totalmente prioritaria en tanto que o 80 por cento das mulleres que sufren malos tratos non os denuncian. Así, o tenente de alcalde e a concelleira de Igualdade consideran que se as mulleres non son quen -por medo, sobre todo-, de achegarse aos servizos que as administracións teñen en funcionamento, estas deben desenvolver os mecanismos pertinentes para achegarse ás mulleres suscetibles de padecer malos tratos, tratando de que mesmo a veciñanza alerte dese risco, para posibilitar a actuación antes de que sexa "demasiado tarde". Este censo levarase a cabo en colaboración das asistentes sociais que xa hai en cada barrio e as que se incorporen non vindeiro exercicio.

A terceira medida que se porá en marcha refírese á solicitude que se cursará á Consellería de Vivenda e Solo para que en cada nova construción de vivendas protexidas se reserven vivendas para as mulleres vítimas da violencia de xénero, das que na actualidade Vigo conta con tres. O obxectivo, segundo explicou Santi Domínguez, consiste na creación dunha "rede de pisos tutelados" na cidade. Ademais, o tenente de alcalde anunciou que co inicio do curso escolar 2008-2009 desenvolverase unha campaña de sensibilización destinada ao alumnado, en colaboración co profesorado dos centros. A campaña incluirá concursos de pintura e literarios, entre outros, e rematará cunha gran exposición dos traballos realizados.

"Hoxe é un día especialmente triste na nosa cidade", subliñou a concelleira de Igualdade, quen salientou que cómpre ser conscientes "máis que nunca" de que a sociedade sufre un problema de "terrorismo contra as mulleres". Porque, que pasaría se o número de mulleres vítimas dos malos tratos no que vai deste ano o fora como consecuencia doutro tipo de terrorismo", preguntouse a nacionalista Iolanda Veloso. A concelleira do BNG sinalou que se trata dunha situación que afecta a mulleres de todo o mundo "sexa cal sexa a súa orixe", polo que seguen a ser "necesarias e imprescindibles" as campañas de sensibilización que se levan a cabo dende as distintas administracións. Neste sentido, indicou que levaranse a cabo campañas dirixidas a colectivos específicos, como os propios homes e o colectivo inmigrante.

"Os homes non teñen que sentir vergoña por ser homes, senón que teñen que asumir o seu compromiso na loita pola igualdade", destacou Iolanda Veloso, quen explicou que para canalizar este compromiso crearase unha rede de homes que loiten contra a desigualdade. Ademais, salientou que precisamente as mulleres inmigrantes presentan maiores dificultades para acceder aos servizos municipais. "Queremos traballar neste sentido para crear unha rede de apoio", anunciou a concelleira do BNG, quen sinalou que dende Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Igualdade e a Concellería de Benestar Social se convocará a este colectivo co obxectivo de desenvolver a campaña de sensibilización destinada á inmigración.

"Os números reflexados no contador da rúa do Príncipe non son só números", lembrou Iolanda Veloso, "senón son mulleres con nomes e apelidos", detrás das que existe unha historia e unhas persoas afectadas, como os fillos de 3 e 4 anos de Aelyca Dacosta, que presenciaron a violenta morte da súa nai. Neste sentido, tanto o tenente de alcalde como a concelleira de Igualdade amosaron o seu apoio á familia e expresaron as súas condolencias.
Descargar todas as imaxes