Escoitar

O alcalde visita o programa "Efervesciencia na Praia" para a divulgación das ciencias do mar á sociedade<br />

O alcalde, Abel Caballero, acudíu este luns á Praia de O Vao onde está ubicado a campaña de comunicación Efervescencia na Praia, organizada pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia que procura achegar as ciencias do mar á sociedade. O rexedor felicitounos pola organización de eventos deste tipo que afondan na "sensibilización das novas xeracións" da trascendencia do cambio climático.<br />

luns, 18 ago 2008
1219064482E2.JPG
O alcalde, Abel Caballero, desprazouse este luns ao areal de O Vao, onde está localizada a campaña "Efervescencia na Praia", organizada pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia, que procura amosar á sociedade as ciencias do mar a través dunha serie de actividades lúdicas.

O alcalde felicitou á organización pola súa iniciativa xa que afonda na "sensibilización das novas xeracións" sobre a importancia do cambio climático na sociedade. Abel Caballero tamén eloxiou que se elixira a praia de O Vao para a celebración da actividade, xa que a recuperación dunar é un exemplo de respecto e coidado do medioambiente. A este respecto, o rexedor sinalou que O Vao xa ten máis arena que a praia de Samil.

"Efervesciencia na Praia" é unha campaña de comunicación social das ciencias do mar, que aproveitará a gran riqueza do litoral galego, así como a importante afluencia turística ás praias durante os meses de verán. A través dunha serie de actividades lúdicas amosa ao público a figura dos oceanógrafos, espertando o interese xeral polo mar, a flora e fauna que viven nel, os seus fenómenos e a importancia da súa conservación.

A Asociación de Oceanógrafos de Galicia coordina e aglutina neste proxecto a algunhas das principais Entidades e Organismos de Investigación e Tecnoloxía Mariña de Galicia e á Radio Galega como medio de difusión e comunicación, constituíndo un equipo de traballo idóneo para garantir o éxito desta iniciativa.

Actividades
As actividades se desenvolven en catro praias de gran afluencia de usuarios, localizadas nas tres provincias litorais de Galicia: Praia de Covas (Viveiro) do 26 ao 29 de xullo; praia de Santa Cristina (Oleiros) do 2 ao 5 de agosto; praia de Portonovo (Sanxenxo) do 9 ao 12 de agosto e praia do Vao (Vigo) do 16 ao 19 de agosto.

Se artella a acción divulgativa en obradoiros interactivos con dinámicas que invitan a participar ao público de tódalas idades. As actividades se desenvolven nun espazo de praia duns 250 m2 no que se instalarán carpas modulares. Poderá asistir unha media de 400 a 500 persoas por día.

Cada participante poderá aventurarse no mundo mariño acompañado dun pasaporte no que se indicará o seu percorrido: en cada obradoiro deberá superar unha proba de aprendizaxe para selar o seu documento. Aqueles que superen todo o itinerario recibirán un agasallo de recompensa.

O percorrido amosará aos veraneantes algúns dos aspectos menos coñecidos das súas praias favoritas. Poderán palpar os fondos mariños e aprender a distinguilos; observar o comportamento da auga de mar cando aumentan as emisións de gases de efecto invernadoiro, e a importancia da calidade das augas para preservar a saúde do mar; aprenderán a distinguir aos habitantes das praias a través dos ollos dos investigadores, e con eles recrearán o seu propio océano trasladado a un acuario; participarán na xestión dunha reserva mariña pesqueira onde probarán un modelo de desenvolvemento sostible das comunidades pesqueiras; por último, poderán montar o seu proxecto tecnolóxico para acadar un sector marítimo-pesqueiro máis competitivo grazas á innovación, e disfrutar coa exposición sobre a incorporación das novas tecnoloxías e materiais nos oficios tradicionais do mar.

Os máis cativos, poderán disfrutar das actividades ofrecidas na área "Un mar de nenos", dirixida ao público infantil, acompañado por un adulto responsable. Alí poderán xogar a mergullarse nas rías e coñecer aos seus habitantes; probar as súas habilidades para construír un títere de medusa mentres aprenden o seu ciclo de vida; e poderán poñerse na pel dos oceanógrafos embarcados, subíndose á silla-barco que lles fará sentir as dificultades que implica a realización de tarefas sinxelas sobre un barco en movemento.

Os domingos ás 13 horas, o programa de radio Efervesciencia retransmitirase dende as praias, e invitará ao evento a unha selección de oceanógrafos que participarán en debates e transmitirán a súa visión da campaña.
1219064482E2.JPG
1219064490E1.JPG
Descargar todas as imaxes