Escoitar

A vindeira semana ábrese a convocatoria para o curso de formación de coidadores de barrio do Casco Vello

O presidente do Consorcio do Casco Vello e tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santi Domínguez, anunciou este xoves que a semana que vén abrirase o prazo para participar no curso de formación dos coidadores de barrio do Casco Vello co obxectivo de que este programa esté en marcha a finais de outubro. Santi Dominguez realizou este anuncio tras a sinatura dun convenio de colaboración co presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, Henrique Macías.

xoves, 14 ago 2008
1218718397coidadores.JPG
"Trátase dunha iniciativa pioneira en Galiza que mostra a nosa firme aposta polo Casco Vello vigués", salientou o presidente do Consorcio, quen asegurou que este programa é un "paso máis para o cambio da fisionomía do barrio". Santi Domínguez indicou que a vindeira semana iniciaranse os pasos firmes para para acadar este obxectivo, posto que abrirá o prazo da convocatoria pública para as persoas que queiran participar no curso formativo de coidadores, cuxa tramitación se desenvolverá no Centro Cívico do Casco Vello.

Para participar no curso darase preferenza ás mulleres maiores de 40 anos e as persoas desempregadas de longa duración. "Este programa, para o que se convocan inicialmente vinte prazas, ten un marcado carácter de reinserción laboral", destacou Domínguez. Cunha duración de 220 horas, o curso formativo desenvolverase ao longo do mes de setembro e parte de outubro nel se tratarán todos os aspectos relevantes e necesarios para desenvolver os labores de coidadores de barrio. Das vinte persoas que fagan o curso, seleccionaranse catorce persoas, que son as que inicialmente traballarán no programa. Estas persoas desempeñarán diversas funcións, entre as que destacan o apoio integral ao barrio, a ocupación das persoas maiores e con discapacidade, facilitar información sobre o barrio e o conxunto da cidade, informar das deficiencias existentes no mobiliario urbano, así como prestar asesoramento á asociación de comerciantes do barrio e á mocidade, e informar sobre os procesos de rehabilitación que se están a desenvolver no Casco Vello.

Santi Domínguez afirmou que este programa permitirá que se produza un "cambio radical" no Casco Vello, posto que haberá diariamente entre doce e catorce persoas que se adicarán a coidar o barrio. "É a mostra de que apostamos radicalmente polo Casco Vello e que non só nos preocupa a rehabilitación dos edificios, senón que queremos adacar a rehabilitación total", salientou o presidente do Consorcio, quen ademais quixo agradecer publicamente ao presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, Henrique Macías, o apoio e colaboración prestados por esta entidade para desenvolver o proxecto.

Henrique Macías, pola súa banda, agradeu a "confianza depositada na Asociación de Veciños do Casco Vello por parte do tenente de alcalde para o desenvolvemento deste e outros proxectos". A xuízo do presidente da Asociación Veciñal, "é unha enorme responsable a que agora temos". Macías indicou que, por unha banda, é preciso lograr que a xente quera vivir no Casco Vello, e por outra, que a xente que xa vive, poida facelo nunhas "condicións axeitadas". Ao igual que o presidente do Consorcio do Casco Vello, o presidente da Asociación de Veciños salientou que o obxectivo consiste en acadar a "rehabilitación integral do barrio, e non só a rehabilitación dos edificios".

Macías salientou que os coidadores serán os "máximos coñecedores do barrio", xa que disporán das necesidades reais da xente. "Terán que escoitar á veciñanza e ao mesmo tempo serán a súa voz", sinalou o presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, quen destacou que para levar a cabo a súa tarefa deberán gardar unha "estreita relación" con determinados departamentos do Concello, como poden ser Turismo, Limpeza, Vías e Obras e Policía Local. "Estamos moi contentos de participar nunha oportunidade única de mellorar a calidade de vida do Casco Vello", subliñou.

Finalmente, Santi Domínguez indicou que para poñer en marcha este programa, o Consorcio do Casco Vello destinará no presente ano 2008 un total 163.400 euros, 300,000 euros no ano 2009 e 136,600 euros no ano 2010. "Xa está dado o pricipal impulso para a rehabilitación do Casco Vello, polo que agora non nos podemos parar", salientou.
Descargar todas as imaxes