Escoitar

Xarxa Teatre ofrecerá mañá en Castrelos un espectáculo para toda a familia con música, pirotecnia e dous escenarios

A compañía valenciana presentará "Tombatossals", unha montaxe cargada de humor, escenas aéreas e baseada na obra de Josep Pascual i Tirado

mércores, 13 ago 2008
1218632676xarxa.jpg
A piques de rematar a Semana Grande das Festas de Vigo, a compañía valenciana Xarxa Teatre chegará mañá ao Auditorio de Castrelos co espectáculo "Tombatossals", unha montaxe que foi presentada está mañá polo concelleiro de Cultura Xesus López, e o responsable da xira da compañía, Oscar Luna. O espectáculo, que comezará ás 22.30 horas, se presenta como un evento para toda a familia onde o teatro adquire un nivel superior pola gran cantidade de carga visual que o rodea. Neste sentido, o concelleiro de Cultura salientou o "éxito absoluto" que está acadando a programación infantil do Monte de O Castro, Castro Cativo, e que deste xeito se ve cumprido o obxectivo de "ofrecer todos os contidos para satisfacer a todos os públicos".

Xarxa Teatre naceu en Vila-real (Castellón) como unha compañía pequena pero nestes case 25 anos de traballo acadaron tanto éxito e recoñecemento por parte do público que as súas obras foron vistas en 40 países de catro continentes. A formación actuou, entre outros lugares, nos Xogos Olímpicos de Albertville, no bicentenario da Revolución Francesa de París, en innumerables festivais internacionais de teatro e máis recentemente na Expo de Zaragoza.

A montaxe elixida para recinto do Auditorio de Castrelos será "Tombatossals", unha representación baseada na novela do agricultor castellonense Josep Pascual i Tirado escrita en 1930 e que narra a fundación e creación mitolóxica da cidade de Castellón. De feito, este espectáculo foi un encargo do Concello de Castellón con motivo do 750 aniversario da cidade, e que dende 2002 foi representado en numerosos países.

A montaxe, é unha defensa apaixonada da natureza e unha denuncia da violencia para conseguir calquera obxectivo. Leva consigo unha mensaxe pacifista, poñendo enriba da mesa o negocio que existe detrás calquera guerra, a destrución que produce e o enorme desexo de paz dos seres humanos. Oscar Luna, responsable da xira, salientou a importancia do humor do espectáculo "nun tema tan serio" e puxo como exemplo que os supostos carros de combate non son máis que carros da compra. A montaxe empregará dous escenarios, que representarán o Palacio do Rei e as illas conquistadas. Así, o espectáculo promete ser dinámico e no que a linguaxe visual se presenta como protagonista. Os personaxes actúan tamén no espazo do público e de feito "as veces faremos que se movan", dixo Luna. A compañía garda moitas sorpresas para a noite de mañá pero o responsable da xira adiantou que o público será testemuña de "espectaculares escenas aéreas, pirotecnia, xogos de luces e unha banda sonora con moita potencia", na que os temas populares da tradición valenciana foron adaptados aos novos tempos.

Así, o recinto de Castrelos adquirirá na noite de mañá unha transformación sobre todo na zona de pago, onde o prezo das entradas será de 6 euros anticipada e 8 unhas horas antes do espectáculo.
Descargar todas as imaxes