Escoitar

A asistencia de público ás diversas actividades das Festas de Vigo bate record histórico con máis de 150.000 persoas

Santi Domínguez salienta o "acerto" da programación e lembra que aínda quedan máis actos importantes na cidade

martes, 12 ago 2008
1218546594santi.JPG
Cruzado xa o ecuador da primeira Semana Grande das Festas de Vigo, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo está mañá un primeiro balance con datos na man que reflicten o gran éxito acadado no que a asistencia de público se refire. "Nestes momentos sabemos que máis de 150.000 persoas pasaron polos diferentes concertos e lugares onde se realizan actividades" dixo Domínguez, o que supón "bater un record histórico" de asistencia ao remate destas festas.

O tenente de alcalde salientou que dende que empezaran as festas, cada dous días se reúne un gabinete que revisa e avalía as impresións que os actos están a deixar na cidadanía, algo que sirve para "coñecer as posibles deficiencias e mellorar e aprender de cara ao ano que ven", afirmou Santi Domínguez. Analizando os datos por espazos, polo recinto de Castrelos pasaron máis de 80.000 persoas nos nove concertos celebrados ata o de agora. A esta cifra hai que engadir os 40.000 asistentes ás citas de Lenny Kravitz, Bob Dylan, Estopa e os festivais Creamfields e Alternavigo que tiveron lugar non Instituto Feiral de Vigo. Polo Peirao de Trasatlánticos pasaron máis de 30.000 persoas nas citas con Miguel Bosé, Violadores del Verso e os concertos do programa Travesías. Finalmente os actos diarios da Praza da Constitución e o Monte de O Castro reuniron a máis de 10.000 asistentes.

Santi Domínguez fixo fincapé, ademais, en que estas cifras son eventuais xa que resulta moi difícil contar a todos os visitantes que se achegan ao resto de actividades que se celebran no Casco Vello, no Príncipe, no Calvario, e nas prazas da Estrela, Independencia, Princesa e Compostela. Con todo, o edil nacionalista amosou a súa "satisfacción coa resposta do público" e afirmou que "podemos dicir con toda a modestia e necesidade de mellorar que acertamos" co esta programación. "As críticas da xente que participa están sendo altamente positivas" salientou Domínguez, quen matizou tamén que na cidade "por fin se vivencia a celebración dunha Semana Grande", algo que servirá de referente cultural e tamén de atractivo turístico.
Descargar todas as imaxes