Escoitar

O panel do roteiro "O espello da memoria" inaugurado hoxe mostra Príncipe, a primeira rúa urbanizada fóra das murallas

A rúa do Príncipe, o primeiro vial da cidade fóra das murallas en ser urbanizado, é o contido do panel "O espello da memoria" inaugurado hoxe polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López. Este proxecto, que consta dun total de trinta monolitos integrados por unha fotografía realizada por Prósperi ou Pacheco e un texto explicativo, quere amosar á cidadanía unha parte notable do seu patrimonio fotográfico, proxectando cara ao exterior o Arquivo Pacheco.

luns, 11 ago 2008
1218460473espello.JPG
"Coa inauguración hoxe do segundo panel do proxecto O espello da memoria damos un paso máis para que toda a cidadanía poida coñecer in situ o pasado e o presente da nosa cidade", salientou Santi Domínguez. O monolito inaugurado hoxe mostra a rúa do Príncipe, a primeira rúa urbanizada ubicada fóra das antigas murallas e segundo o tenente de alcalde conformará co resto dos paneis un "percorrido histórico e cultural estable" pola cidade. "Estamos a traballar arreo pola recuperación do noso patrimonio e por ofrecer á cidadanía elementos de interese da súa propia cidade", salientou o tenente de alcalde.

O concelleiro de Cultura, Xesus López explicou que cada un dos monolitos consta dunha fotografía da autoría de Prósperi ou Pachecho, de xeito que a iniciativa servirá para "poñer en valor o seu inmenso legado". Ao respecto, lembrou a importancia de rematar o proceso de dixitalización do arquivo, co obxectivo de convertilo nun "activo de referenza" para a cidade. Ademais, indicou que as imaxes están acompañadas dun texto en galego, castelán e inglés con información sobre o espazo urbano no que se asenta o panel ou sobre os feitos culturais ou históricos dos que o lugar considerado foi testemuña.

O primeiro dos paneis que integran o proxecto, inaugurado hai unha semanas, atópase ubicado na Praza da Princesa, pero nos vindeiros meses instalaranse en lugares tan diversos como na rúa Policarpo Sanz, diante da Casa das Artes, en Velázquez Moreno, en Eduardo Iglesias, en Urzáiz, no cruce de Colón, na Escola de Artes e Oficios, en García Barbón, en Areal, na praza de Compostela, en Elduayen, no Paseo de Alfonso XII, na praza do Berbés, na avenida de Beiramar, no parque Camilo José Cela, na praza Xoán XXIII, na praza América en Tomás A. Alonso e en Bouzas.
Descargar todas as imaxes