Xesus López anuncia que o grupo de hip hop Public Enemy abrirá o festival O Marisquiño o 5 de agosto en Castrelos

martes, 25 mai 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que a mítica banda de hip hop Public Enemy será a encargado de inaugurar a décima edición de O Marisquiño o vindeiro 5 de agosto no auditorio de Castrelos. Será o único concerto do grupo neoyorkino no Estado. Segundo dixo o concelleiro nacionalista na presentación do concerto, o festival "non só trae boa música, senón tamén novidades e precisa xa de novos espazos".

Xesús López destaca que o festival Vigo Transforma permitirá que Vigo se visualice como a "capital cultural" da eurorrexión

venres, 21 mai 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, asegurou este venres, na presentación do festival Vigo Transforma, que se celebrará do 2 ao 10 de xullo, que cumpre cos requisitos necesarios para que os vigueses viguesas gocemos dun grande evento. Asemade, o nacionalista salientou que posibilitará que fóra de Vigo "se nos visualice como a capital cultural da eurorrexión".

As entradas para o concerto que Norah Jones ofrecerá en Castrelos o 14 de xullo póñense á venda mañá venres

xoves, 20 mai 2010

As entradas para asistir ao concerto que a cantante Norah Jones ofrecerá o 14 de xullo ás 22.30 horas en Castrelos sairán mañá venres á venda, segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Xesus López. Poñeranse á venda 1.500 entradas, a un prezo de 12 euros adquirídoas anticipadamente e 15 euros en taquilla. Poderán mercarse a través de www.servinova.com, no teléfono 902 504 500 e na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).

O Museo de Castrelos acolle o domingo o obradoiro para familias "Landriña viaxa ao interior das paisaxes"

venres, 14 mai 2010

O vindeiro 16 de maio, o Museo Quiñones de León desenvolve unha nova edición do programa para familias "Domingos de museo", que se celebrará baixo o título "Landriña viaxa ao interior das paisaxes". Segundo destaca o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa ten o obxectivo de dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos.

Xesus López destaca que o convenio coa Agrupación de Centros Culturais fomenta a participación en teatro e danza

xoves, 13 mai 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves a nova edición do convenio coa Agrupación de Centros Culturais de Vigo, que ascende a 15.000 euros. Na presentación, na que tamén participou o presidente da entidade, Roberto Giráldez, o nacionalista destacou que esta iniciativa trata de facer partícipes aos barrios e parroquias de Vigo nas actividades culturais mediante o apoio ao programa "Vente con nós" e a Semana de Teatro Afeccionado.

O Verbum proxecta o xoves "Mamasunción volve ao correo" para celebrar os 25 anos da primeira película en galego

martes, 11 mai 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que o Verbum celebrará o vindeiro xoves, 13 de maio ás 20 horas, o 25 aniversario da gravación da primeira película en galego polo director Chano Piñeiro mediante a proxección do documental "Mamasunción volve ao correo". Na presentación da obra, na que tamén participaron a viúva do director galego, Mari Luz Montes, e o codirector da mesma, Francisco Rozados, o concelleiro do BNG destacou que o documental é "unha reflexión do feito histórico que nos permite falar de cine en galego".

O museo de Castrelos organiza o domingo o obradoiro para familias "Landriña descobre os segredos do pazo"

venres, 7 mai 2010

No marco do programa para familias "Domingos de museo" que organiza o Museo da Cidade Quiñones de León, este vindeiro domingo 9 de maio terá lugar o obradoiro "Landriña descobre os segredos do pazo", segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este programa, de carácter gratuíto e dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, ten lugar de 11:30 a 13:30 horas e para participar non é necesario facer reserva.

O mural "Pegadas e fume" inaugurarase o 16 de maio en Castrelos coa participación de máis de 2.000 persoas

mércores, 5 mai 2010

O mural "Pegadas e fume" inaugurarase o vindeiro 16 de maio ás 12 horas no palco do parque de Castrelos coa asistencia das persoas que participaron na súa creación, en total máis de 2.000, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este mural forma parte do do proxecto artístico "Cidade de soños", no que acadar a implicación da cidadanía para crear unha obra de arte colectiva é un dos principais obxectivos.

Desde o mércores xa se poden adquirir os abonos para o Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons"

martes, 4 mai 2010

A partir do mércores, 5 de maio, xa está activo o servizo de venda de abonos para o 6º Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons". Este ano incorpora importantes novidades xa que se poderá adquirir un abono para os concertos do festival que teñen lugar en MARCO (3 concertos) e Auditorio Municipal (4 concertos) ademais do habitual abono para as 3 actuacións que teñen lugar na Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova. Quen desexe adquirir os dous abonos (10 concertos en total) obterá unha bonificación do 15% na compra telefónica.