Os gañadores do XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" actúan mañá sábado no Conservatorio Superior de Música

Na aposta por ofrecer oportunidades de promoción aos novos talentos, os gañadores e as gañadoras do XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" ofrecerán mañá ás 20 horas un concerto no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música, de entrada libre. Ademais dos premios económicos, a gravación deste concerto nun CD é un dos atractivos deste concurso, que organizan a Concellería de Cultura e o Real Club Náutico.

venres, 13 mai 2011
No concerto actuarán os gañadores da categoría infantil, Jacobo Ramos, María Laura Cunha e Tomás André García; o gañador xuvenil, Alberto Menjón, e a gañadora senior, Natalia Tachenko, que actuará acompañada da Orquestra Vigo 430.

O XIII Concurso de piano "Ría de Vigo" celebrouse os pasados 1, 2 e 3 de abril, e a consolidación do seu carácter peninsular situouno entre os cinco mellores do seu ámbito. A participación nesta edición bateu records, ao acadar as 50 inscricións rexistradas, o cal amosa que se trata dunha iniciativa que da resposta aos novos talentos musicais vigueses.