Escoitar

O alcalde propón á Xunta que a Área Metropolitana incremente competencias, evite duplicidades e concrete financiamento e gobernabilidade

Abel Caballero anunciou hoxe xoves a remisión dunha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, propoñendo catro liñas de actuación para mellorar o anteproxecto de lei de Área Metropolitana de Vigo, que o alcalde recoñece como "un bo principio". O alcalde avoga por incrementar as competencias, evitar duplicidades entre administracións e concretar as formas de financiamento e a gobernabilidade.

xoves, 12 mai 2011
1305204553Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe xoves o envio dunha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, coas súas propostas para mellorar o anteproxecto de lei de Área Metropolitana de Vigo, que pasarían por sumar competencias, evitar duplicidades de administracións e concretar o financiamento e a gobernabilidade.

Segundo indicou Abel Caballero ante os medios, o anteproxecto de lei aprobado pola Xunta de Galicia é "un bo principio" que contén "avances" para chegar á futura lei de Área Metropolitana de Vigo. De cara á súa mellora, o alcalde propón ao goberno autonómico catro liñas de actuación.

En primeiro lugar, Caballero avoga por incrementar o teito competencial da futura entidade ata acadar o máximo, como acontece na Área Metropolitana de Barcelona. Neste aspecto citou o caso da Policía e dos Bombeiros, que xa actúan en todos os municipios do gran Vigo e polo tanto poderían pasar a estar baixo o organigrama supramunicipal.

Unha segunda proposta é aclarar as formas de financiamento provintes doutras administracións. Caballero valora que non se cree ningún novo imposto á cidadanía e o orzamento da Área proveña doutras adminitracións, pero faltaría definir as asignacións en cada caso.

Abel Caballero estima ademais necesario que a futura lei de Área Metropolitana viguesa concrete os aspectos precisos para evitar a duplicidade de administracións no territorio. Neste campo, o anteproxecto abre a vía para que entidades como os concellos, a Deputación de Pontevedra ou a Xunta de Galicia desaparezan dos municipios nas competencias cedidas, mais sen concretar.

En cuarto e último lugar, o alcalde vigués reclama a concreción dos órganos chamados a gobernar a Área Metropolitana. Caballero defende aplicar o sistema de Barcelona por estar xa contrastado o seu funcionamento, mais tendo en conta a "mala" experiencia da Mancomunidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes