Escoitar

Reiníciase no MARCO a programación para escolares e familias

A partir desta semana, o MARCO retoma a programación para escolares e público familiar. O programa xira ao redor da exposición do artista británico MARTIN CREED.‘A METADE DO AIRE’ é o nome xenérico deste conxunto de actividades, visitas e talleres, con propostas específicas e diferenciadas para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria. A exposición de Martin Creed e o traballo deste artista ofrecen múltiples posibilidades didácticas, de aprendizaxe e de desfrute para todas as idades.

venres, 13 mai 2011
1305281256marcoglobos.jpg
Na súa proposta para o MARCO, Martin Creed vai un paso máis alá na súa análise sobre a percepción e sobre a experiencia física, xogando coa nosa relación co contorno. Toda a planta baixa está ocupada por unha das súas intervencións, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247 Half the air in a given space , 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio dun obxecto cotián. Os globos, elementos lúdicos e festivos da infancia, convértense en colectores de aire, facendo tanxible e visible algo efémero e inmaterial.

Creada por primeira vez en 1998, esta peza adquire nas salas do MARCO unha magnitude completamente descoñecida ata agora, pola súa monumentalidade e polas dimensións das salas: a metade do espazo —un total de 6.863 m3 de aire distribuídos en tres patios, tres galerías, e a rotonda central— aparece cuberto por un mar de globos de cor azul celeste, que alteran por completo a nosa percepción do espazo, esvaendo a acotación visual e os límites espaciais. Para poder apreciar a obra, temos que somerxernos literalmente nela, abríndonos paso entre os globos e desencadeando un cúmulo de sensacións contraditorias. Ao percorrer as salas observamos a obra dende dentro, completándoa e formando parte dela. Todos os sentidos entran en xogo, e a visita ao Museo convértese nunha experiencia activa.

A visita de educación Infantil ten como argumento os cinco sentidos, e complétase cun obradoiro no que unha proxección de vídeo e actividades de grupo nos axudan a e analizar todas estas sensacións. Os grupos de Primaria entran en salas a través un xogo de pistas e descubrimentos, superando diferentes probas, mentres pensamos na idea do aire como algo tanxible ou inmaterial, visible ou invisible, esencial para a vida, e que neste caso serviu para crear unha instalación artística. Lecturas e proxeccións serven como dinamizadores das actividades no taller. Na visita de Secundaria/Bacharelato centrámonos o punto de vista do artista, nas nosas propias sensacións ao percorrer as salas, e examinamos o proceso de produción dunha instalación destas características. Partimos da análise doutras obras de Martin Creed para promover un debate sobre a arte contemporánea e sobre o traballo deste artista en particular.
Descargar todas as imaxes