Escoitar

Santi Domínguez inaugura "O son das ondas", mostra que culmina a aposta por facer de Castrelos o Museo da Cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurpou este venres a mostra "O son das ondas. O Vigo medieval e a lírica trobadoresca", instalada en sete salas do segundo andar do Museo Quiñones de León, onde permanecerá aberta durante un ano. O nacionalista destacou que hoxe dase un paso máis no obxectivo de que o Museo de Castrelos "fora realmente o Museo da Cidade" e no coñecemento da nosa cidade.

venres, 13 mai 2011
1305290929Inauguracion.jpg
"O traballo realizado neste mandato a prol da promoción da cultura e a recuperación do noso patrimonio histórico non ten parangón con etapas anteriores", destacou o nacionalista, lembrando a aposta realizada polas áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía pola vertebración da rede museística. Neste sentido asegurou que "fomos quen de facer un traballo racionalizado e planificado dando a cada espazo o contido cultural máis axeitado".

Santi Domínguez explicou que esta exposición ofrece a oportunidade de coñecer o papel que xogou Vigo na Idade Media, unha época de gran esplendor na creación literaria na nosa lingua. "A mostra fai un percorrido histórico e político que debulla de xeito didáctico as características dos distintos tipos de composicións como son as cantigas", sinalou, en referencia ás cantigas de amor, escarnio ou maldicir.

Afondando no contido da exposición, o tenente de alcalde salientou que a mostra adica "un tratamento especial aos nosos grandes poetas", como son Martín Codax e Mendiño. Ademais de render homenaxe a estes dous creadores, segundo apuntou Santi Domínguez, tamén permite poñer en valor unha parte da historia de Vigo, a relacionada co seu protagonismo na lírica medieval.

Indicou que no nacemento da lírica medieval galego-portuguesa tivo un papel relevante a Terra de Toroño, que pertencía á Terra do Fragoso, hoxe Concello de Vigo. "Foi aquí onde, arredor das casas nobres, concentráronse unha boa parte dos máis recoñecidos xograres e trobadores", dixo o nacionalista. Finalmente, felicitou ao comisario da exposición, Henrique Monteagudo, e a editorial Galaxia e Merlín Comunicación, "polo magnífico traballo realizado".

En sintonía coas palabras do tenente de alcalde, Eudosio Álvarez, afirmou que a apertura da mostra "O son das ondas" culmina o proxecto de transformar o Museo Quiñones de León no Museo da Cidade. Segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, para elaborar a exposición contouse cun dos especialistas de historia medieval en Galiza, como é Henrique Monteagudo e a colaboración da editorial Galaxia.

Henrique Monteagudo, pola súa banda, tras agradecer ao Concello de Vigo e en particular á Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Patrimonio Histórico "por permitir facer esta exposición", comentou algún dos principais aspectos da mostra. Afirmou que esta é unha "boa oportunidade para coñecer o Vigo medieval". Sinalou que non existen moitos materiais que ensinar desta época "pero si ten un capital simbólico do que poucas cidades do mundo se poden gabar" e neste sentido asegurou que Martín Codax é un dos autores medievais máis coñecidos.

O comisario da mostra destacou que a lírica dos trobadores "serviu de fío condutor que permitise ver que pasou en Galiza na Idade Media", época na que ao seu xuízo Galiza "fórmase como país". Ao respecto de Vigo apuntou que na Idade Media, denominado Terra de Fragoso, era de ámbito "absolutamente rural" e que a súa posición de fronteira "converteuna nunha especie de epicentro".
Descargar todas as imaxes