Escoitar

O Auditorio Municipal acolle mañá martes o espectáculo "Opera aperta", con Julián Hernández e Manuel Romón

A programación que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal inclúe un novo espectáculo musical que terá lugar mañá, 10 de maio ás 20.30 horas. Trátase da actuación que realizarán Julián Hernández e Manuel Romón baixo o título "Opera Aperta (en parte) Volume II". As entradas para asistir a este espectáculo teñen un prezo de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da obra.

luns, 9 mai 2011
"Opera Aperta (en parte) Volume II" é un recital performativo, que xira arredor da palabra, do silencio e da música. Enténdense como un diálogo ritual entre a palabra e a música, onde a música ten, significativamente, a primeria e a derradeira palabra. Parte da crenza de que Umberto Eco leva razón (en parte). Por iso, esta acción (en parte) falada deixa aberta desde a súa propia formulación a posibilidade de ulteriores volumes.

"Introibo ad altare Dei II", "Ímolo comezar aquí", "Galicia", "Miniaturas", "Que máis quixera", "Para cuellos el Jarama", "Mensaxes de voz", "Poesía barata", "Finalmente o nadir", e "Strip-tease, un filme didáctico" son as pezas que compoñen este espectáculo. A programación completa da Concellería de Cultura pódese consultar na web www.vigocultura.org.