O alcalde avanza que 18 novos vehículos estarán a disposición da Policía Local a "mediados ou finais de abril"

luns, 7 mar 2011

Abel Caballero cifrou en 984.000 euros o investimento municipal nesta nova dotación de seguridade cidadá, a razón de 246.000 euros por ano, que estarán operativos "a mediados ou finais de abril". Trátase de 14 vehículos de patrulla, dous furgóns e dous todo terreo, que serán adquiridos polo sistema de renting, que ofrece facilidades para o servizo. O goberno local adxudicouno provisionalmente este luns.

O alcalde felicita aos novos axentes, que sumarán 25 efectivos á Policía Local de Vigo

luns, 21 feb 2011

Abel Caballero recibiu hoxe luns aos novos axentes da Policía Local de Vigo, 25 efectivos que superaron con éxito as probas de acceso convocadas na oferta pública de emprego municipal e pasarán a incorporarse ao plantel de seguridade local. A formación terá lugar durante tres meses e un cuarto de práctica nas rúas de Vigo. Con esta nova remesa, nos últimos catro anos o plantel da Policía Local foi incrementado en 75 efectivos.

Caballero afirma que os seis eurotaxis de Vigo sitúan á cidade no quinto posto de España por poboación

venres, 11 feb 2011

Na presentación dos novos vehículos adaptados a persoas de mobilidade reducida, o alcalde indicou este venres que, na relación de eurotaxis por habitantes, Vigo sitúase no quinto lugar en España. Caballero explicou que o Concello subvenciona anualmente estes taxis con 2.400 euros porque supoñen unha "mellora importante" na calidade de vida dos seus usuarios, e anunciou que o goberno local estuda suprimirlles o imposto de circulación.

O alcalde felicita aos axentes de seguridade ao baixar en 2010 o índice de criminalidade de Vigo

mércores, 9 feb 2011

O alcalde, Abel Caballero, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron este mércores as obras da nova Comisaría da Policía Nacional na rúa López Mora, un investimento superior aos 15 millóns de euros que entrará en funcionamento en novembro. Segundo adiantou Louro, Vigo baixou os seus índices de criminalidade en 2010, e o rexedor vigués amosouse "convencido de que a cooperación entre as policías continuará e Vigo seguirá a ser unha das cidades máis seguras de España".

O Pleno aproba por unanimidade a rebaixa nun 70% das taxas das terrazas impulsada polo goberno local

luns, 31 xan 2011

Tras reunirse co sector hosteleiro, o alcalde, Abel Caballero, anunciara o pasado 14 de xaneiro a decisión municipal de rebaixar nun 70% as tarifas de ocupación da via pública para instalar terrazas, e este luns o Pleno da Corporación respaldou por unanimidade esta proposta. Esta medida, tomada para axudar ao emprego na hostelería ante a crise económica, será efectiva con carácter retroactivo desde xaneiro. Dependendo da súa ubicación, unha cafetería pagará 32 euros o metro cadrado, polos 106 que se viñan abonando.

O Concello fai definitivo o descanso semanal para os taxistas vigueses

luns, 31 xan 2011

Despois do periodo experimental de tres meses, o goberno local aprobou no Pleno deste luns -coa abstención da oposición- prorrogar indefinidamente a nova regulación para o sector do autotaxi na cidade, polo que os taxistas pasarán a ter unha xornada de descanso á semana. O concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, salientou o "positivo" desta nova medida para os profesionais do taxi, que respaldaron o 67% dos asociados.

O Pleno aproba cambios na zona azul que permitirán anular sancións de ata 45 euros con pagos dun máximo de 7 euros

luns, 31 xan 2011

O Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns definitivamente a modificación da ordenanza que regula o estacionamento regulado pola zona azul, a XER, que inclue medidas "claramente positivas para os cidadáns, máis neste momento de dificultades económicas", segundo asegurou o concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño. Dependendo da infracción, os sancionados poderán evitar a multa de ata 45 euros con pagos de 2,3 euros, 5 ou 7 euros na propia máquina expendedora.

O alcalde ultima a utilización da tarxeta verde do VITRASA nos barcos a Moaña

mércores, 26 xan 2011

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reuníuse este mércores co seu homólogo de Moaña, Xosé Manuel Millán Otero, e co tenente de alcalde, Víctor Pastoriza, para ultimar os detalles do acordo que permita á cidadanía empregar a tarxeta verde do VITRASA no transporte marítimo que une Vigo con Moaña. Caballero amosou o seu agrado pola iniciativa e destacou a "cooperación desinteresada do Concello de Vigo" cos municipios do área metropolitana.

O alcalde presenta con VITRASA a nova organización do transporte público de Vigo

martes, 18 xan 2011

Segundo explicou Abel Caballero durante a presentación, a partir deste mes incorpóranse dúas novas circulares e unha nova liña que reforzará o servizo entre Praza de España e Beiramar cando abra o Auditorio. Realízase ademais unha modificación da Circular Inversa e da Circular C4B co obxectivo de prestar servizo á rúa Venezuela e Vía Norte, respectivamente; e amplíase a liña C5A a Navia en fins de semana, prestando unha frecuencia de 15 minutos coa C5B.

O alcalde anuncia a contratación do mantemento da sinalización horizontal e vertical por 1,8 millóns

luns, 17 xan 2011

Abel Caballero deu conta da Xunta de Goberno Local celebrada este luns en sesión ordinaria, na que aprobouse a adxudicación do contrato de mantemento da sinalización horizontal e vertical da cidade, por valor de 1,8 millóns de euros. O alcalde explicou que esta decisión "garante que as redes viarias de Vigo estean pintadas na forma que corresponde, con pintura antideslizante" e supón que "Vigo continúa o proceso de humanización e de mantemento das humanizacións".