Escoitar

Caballero presenta a sección policial Costa e Praia, que tamén cubrirá puntualmente as Illas Cíes

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, presentaron este xoves en Samil a sección Seguridade Costa e Praia da Policía Local, que xa atende en bicicleta "desde Nigrán ata Redondela" con 17 axentes e, como novidade deste ano, atenderá puntualmente as Illas Cíes. Xunto á sección, os efectivos de salvamento e socorrismo operan desde onte en 11 praias de Vigo, un dispositivo que supera o medio centenar de persoas.

xoves, 16 xuñ 2011
1308227826poli.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves a sección Seguridade Costa e Praia da Policía Local, 17 axentes en bicicleta que atenderán os areais vigueses este verán "desde Nigrán ata Redondela".

Caballero, acompañado polo edil de Seguridade, Carlos López Font, explicou que esta sección iniciou o seu traballo onte nas praias, e alongarase ata o 15 de setembro, o mesmo periodo que os servizos municipais de salvamento e socorrismo. Ademais, os axentes levan semanas atendendo á vixilancia do centro da cidade, novidade introducida este mesmo ano.

O número de efectivos policiais destinado nesta sección incrementouse en cinco axentes, segundo explicou o alcalde, quen tamén adiantou que, por primeira vez, Seguridade Costa e Praia atenderá puntualmente ás Illas Cíes, cando os mandos policiais o consideren oportuno.

Abel Caballero sumou os efectivos policiais de vixilancia de praias aos socorristas que comforman o dispositivo municipal de salvamento, prácticamente 60 persoas, sumadas a Cruz Vermella e Protección Civil, que aporta dúas embarcacións.

O alcalde de Vigo expresou o seu desexo de que "todo vaia ben", ao tempo que recordou o "moi bo resultado" do equipo de praias no pasado ano.
Descargar todas as imaxes