Escoitar

Comeza a sétima edición do Festival de Jazz Imaxina Sons

A nova edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, a sétima xa, promovida pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural do concello de Vigo, terá lugar do 17 ao 25 de xuño de 2011. Entre os artistas confirmados para a sétima edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons atópanse Avishai Cohen, Portico Quartet, Nils Petter Molvaer, Sidsel Endresen, Neil Cowley Trio, Portico Quartet e John Taylor.

xoves, 16 xuñ 2011
1308221894imaxinasons2011.jpg


En Imaxina Sons non só nos sentimos contentos polos concertos mencionados, senón por ofrecer unha programación de interese no seu conxunto. Nun ano de axuste orzamentario, o festival propón oito días de jazz nos espazos emblemáticos da vida cultural e musical de Vigo, a cuberto e ao aire libre. A presenza da Lisbon Underground Music Ensemble (LUME) e dos pasacalles Desbundixie achegan de novo a escena portuguesa a Vigo, a colleita do país estará representada, entre outros, por Pablo Seoane e o trío de Xan Campos e o programa inclúe o proxecto Mompiana do pianista Lluis Vidal, que na pasada edición non se puido celebrar por problema de saúde do músico. Así mesmo Imaxina Sons, na súa prospección ao momento jazzístico europeo, razón de ser do festival, pousou este ano a ollada sobre Reino Unido para incluír, ademais dos mencionados John Taylor, e Neil Cowley Trio, a Portico Quartet formación que conduce o jazz pola sendas da electrónica.

Un dos obxectivos do festival desde o seu nacemento é ser plataforma para os proxectos jazzísticos máis próximos e establecer unha rede entre artistas, institucións, clubs, audiencias e escolas, que forman parte un ano máis da programación de Imaxina Sons. A expansión do festival apóiase na complicidade dos espazos vigueses para a cultura e a música. O Centro Cultural Novacaixagalicia, co extraordinario teatro italiano; o Conservatorio, como factoría de músicos da cidade; o Auditorio Municipal, un espazo público remozado e natural para o festival; o MARCO, un foro perfecto para as propostas arraiáns e públicos destemidos, e a praza da Constitución, símbolo de lecer e de encontro para as noites de fi n de semana do festival. Con cadansúa identidade, son os mellores escenarios para Imaxina Sons. Ademais o festival conta con outras extensións: chegará aos clubs coa programación Jazz na Noite e a diversos puntos da cidade como prazas, mercados e, se vai calor, até a praia, coa música dos pasacalles.
Descargar todas as imaxes