Santos Héctor inicia unha rolda de contactos con colectivos da cidade para intercambiar opinións sobre a Área Metropolitana
O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, reiterou hoxe xoves o rexeitamento do Goberno de Vigo ás enmendas do PP á Lei de Área Metropolitana. Así o fixo constar nun encontro que mantivo esta mañá con representantes sindicais, a primeira reunión dunha rolda de contactos que o concelleiro vai manter con distintos colectivos e organizacións representativas desta cidade co obxectivo de intercambiar opinións sobre este tema, "nun exercicio de transparencia no que, seguindo a liña do alcalde, queremos coñecer a opinión de todos", explicou.
Logo do encontro cos líderes de UXT, CCOO e CIG, Antonio Juste, José Cameselle e Serafín Otero, respectivamente, Héctor cualificou de "trampa" as iniciativas do PP, que "rachan un consenso no que todas as forzas políticas estábamos de acordo ata que se coñeceron os resultados electorais". Na súa opinión, o cambio de criterio de Feijóo non pode máis que significar "a súa intención de controlar Vigo pola porta de atrás ou, ben, de votar por terra o proxecto". Na mesma liña referiuse ao cambio de opinión do PP como un intento de desvirtuar o proxecto consensuado, xa que deixan fora aos alcaldes, ademais de ningunear a Vigo, que aporta o 80 por cento da poboación do futuro organismo. Asimesmo, anunciou a súa intención do Goberno de seguir defendendo unha Área Metropolitana que "realmente sexa operativa e ofreza servizos aos cidadáns".
Descargar todas as imaxes