Caballero constata o "acordo total" dos alcaldes de Ponteareas e Salceda coa Área Metropolitana

luns, 14 dec 2015

O alcalde de Vigo recibiu este luns aos seus homólogos de Ponteareas e Salceda, Xosé Represas e Marcos Besada, respectivamente, quen manifestaron a súa conformidade co Proxecto de Lei do ente supramunicipal, cos pasos a seguir e coa gobernanza co voto ponderado, amais concordan na necesidade de que o transporte metropolitano sexa asumido pola Xunta de Galicia.

Caballero celebrará reunións cos alcaldes e alcaldesas de 13 concellos da área metropolitana

xoves, 10 dec 2015

O alcalde de Vigo anunciou hoxe xoves que manterá este sábado un encontro cos seus homólogos e homólogas de Nigrán, O Porriño, Gondomar, Tui, A Guarda, Vilaboa, Mondariz e Fornelos, xunto aos primeiros tenentes de alcalde de Ponteareas e Moaña. O luns, Caballero reunirase cos rexedores de Ponteareas e Salceda e o martes, cos máximos responsables de Cangas, Moaña e Tomiño.

O Concello remite á Xunta de Galicia un novo proxecto de lei de Área Metropolitana de Vigo

venres, 4 dec 2015

O alcalde de Vigo anunciou o envío, hoxe venres ou como tarde o luns, dun proxecto de lei de Área Metropolitana ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, un texto que contará con modificacións consideradas necesarias tras as reunións mantidas con rexedores do entorno. O obxectivo de Caballero é "desatascar" e levar adiante a Área Metropolitana de Vigo.

O alcalde propón unha reunión con Núñez Feijóo para pechar os cambios na Área Metropolitana

xoves, 3 dec 2015

Caballero ve "moi maduro" o acordo como para ser abordado nun encontro bilateral entre o alcalde e o presidente da Xunta de Galicia e poder "pechar definitivamente" a modificación da lei que poña en funcionamento a Área Metropolitana. Este xoves celebrouse unha reunión entre David Regades e Carlos Font co director xeral de Administración Local e o delegado autonómico na cidade.

Abel Caballero prevé unha Área Metropolitana de 20 municipios e 550.000 habitantes

mércores, 18 nov 2015

O alcalde recibiu este mércores ao seu homólogo de Ponteareas, Xosé Represas, quen lle manifestou a intención de formar parte do ente supramunicipal, que valora en positivo e co que concorda na forma proporcional de participación. Caballero apoia esta solicitude e augura que se camiña cara unha Área de 20 municipios, o que supón unha poboación de arredor de 550.000 habitantes "en consecuencia, unha das grandes zonas urbanas de toda España".

Caballero constata que o 80% da poboación defende a proporcionalidade do voto na Área Metropolitana

xoves, 22 out 2015

Abel Caballero mantivo esta mañá un encontro con 18 alcaldes da área -14 que forman parte do ente supramunicipal e 5 aspirantes- no que constatou o acordo do 80% do territorio -en termos poboacionais- de defender a proporcionalidade do voto no goberno da área. Na súa opinión, a maioría dos rexedores avogan por retomar o consenso do proxecto que levaron ao Parlamento os gobernos de Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo e que foi aprobado anteriormente en todos os concellos. <br />

Abel Caballero abordará o impulso da Área Metropolitana cos alcaldes o xoves 22

venres, 16 out 2015

Co fin de intercambiar impresións sobre o desenvolvemento da Área Metropolitana de Vigo e demandar celeridade na constitución da mesma á Xunta de Galicia, o alcalde convoca aos rexedores a unha xuntanza que se celebrará o próximo xoves 22 de outubro na cidade olívica. Segundo explicou o rexedor, xa hai 12 concellos que confirmaron a súa asistencia mentres continúa a rolda de chamadas para convocar aos restantes.