Escoitar

Catorce municipios da Área Metropolitana apoian o modelo defendido por Vigo

As alcaldesas de Moaña e Tomiño, Leticia Santos e Sandra González respectivamente, e o rexedor de Cangas, Xosé Manuel Pazos, concordan con Abel Caballero na necesidade de reformar con urxencia a Lei de Área Metropolitana, nas competencias e na forma de gobernar o ente supramunicipal, que para o alcalde vigués supón "un salto e un paso histórico neste territorio".

martes, 15 dec 2015
1450189724tomino.JPG
Na rolda de reunións que mantén o alcalde de Vigo para abordar a Área Metropolitana, hoxe recibiu aos seus homólogos de Moaña, Leticia Santos; Cangas, Xosé Manuel Pazos; Tomiño, Sandra González e Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, nos que encontrou un "consenso total" sobre a necesidade de proceder con urxencia na reforma da Lei de Área Metropolitana en base ao borrador defendido polo goberno vigués.

Segundo Caballero, hai acordo cos alcaldes e alcaldes "nas competencias e a forma de levalas adiante, na forma de gobernar a Área e que se faga a constitución con 14 municipios e que inmediatamente ampliemos a 20 antes de tomar ningunha decisión", incluídas as que afecten ao transporte metropolitano. Ademais, concordan no feito de que a participación nas competencias sexa voluntaria e que sexa a Asemblea do ente supramunicipal quen decida o calendario de entrada en funcionamento desas competencias.

Abel Caballero expresou que, nestes momentos, o acordo é pleno cos alcaldes e alcaldesas de 14 municipios que representan o 86% da poboación e que son Moaña, Cangas, Tomiño, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, Nigrán, Porriño, A Guarda, Vilaboa e Fornelos e sinalou que faltan seis concellos por dar a súa opinión sobre o proxecto "todos gobernados polo Partido Popular": Redondela, Mos, Soutomaior, Baiona, Salvaterra de Miño e Pazos de Borbén, reiterando o seu ofrecemento de recibir a "calquera alcalde que queira reunirse comigo".

En opinión do alcalde de Vigo "a Área Metropolitana é un salto e un paso histórico neste territorio; cambia todos os municipios, mellora de forma substancial os concellos, vai aforrarlles recursos e significará que podemos ir xuntos e coordinados. A Área Metropolitana é para os cidadáns, para os case 600.000 habitantes desta zona de 20 concellos e dos que se queiran unir". Por iso, apunta que agora que o proxecto ten acadado un consenso "importantísimo" instamos ao presidente da Xunta a que "tome decisións e leve inmediatamente a reforma da Lei de Área Metropolitana de acordo co borrador que lle envío ao Parlamento de Galicia".
1450189724tomino.JPG
1450189742Mondariz.JPG
Descargar todas as imaxes