Escoitar

O goberno de Vigo inicia este xoves a tramitación dun novo Plan Xeral baseado no de 2008

Tras anulación xudicial do PXOM vigués contra acto administrativo autonómico, o alcalde anunciou hoxe martes que a Xerencia de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local validarán este mesmo xoves o comezo da tramitación do novo documento urbanístico, que será debatido polo Pleno este venres. O Plan será esencialmente o de 2008, xa elaborado, para aforrar "alomenos tres anos", subliñou Caballero.

martes, 15 dec 2015
Abel Caballero anunciou hoxe que o goberno de Vigo arranca esta mesma semana a tramitación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, só "dúas semanas" despois da anulación xudicial deste. Incluindo algunhas modificacións de carácter técnico e por resolucións xudiciais puntuais, o alcalde avanzou que o novo documento urbanístico será esencialmente o mesmo de 2008, que resultou anulado polo Supremo en sentencia contra un acto administrativo da Xunta de Galicia.

Así, o Consello da Xerencia municipal de Urbanismo abordará este mesmo xoves o inicio da tramitación para aprobar un novo PXOM e será ratificado pola Xunta de Goberno Local no mesmo día. Na seguinte xornada, o venres, o Concello elevará a cuestión ao Pleno da Corporación para ser debatido e votado.

Nas reunións mantidas polo alcalde de Vigo con entidades da cidade houbo consenso en levar adiante un novo Plan Xeral baseado no de 2008, xa que a anulación xudicial responde a un acto administrativo de ámbito autonómico e non municipal. O Concello procede esta mesma semana seguindo esta liña para, cun texto xa elaborado, aforrar "alomenos tres anos", asegurou Caballero.

"Queremos ter a cooperación doutras administracións", afirmou o rexedor vigués sobre a tramitación do novo PXOM, que involucra en distintos pasos e informes aos gobernos autonómico e estatal. Coa Xunta de Galicia existe un acordo de creación dunha comisión técnica bilateral para "ir xuntos", engadiu, durante o proceso.

Supramunicipalidade
Precisamente a creación desta comisión mixta foi o único acordo acadado onte na reunión entre o Concello e a Xunta de Galicia, na que o goberno presidido por Núñez Feijóo rexeitou declarar de interese supramunicipal -e polo tanto de desenvolvemento autonómico- a estación de bus e tren de Urzáiz, a Cidade da Xustiza, a ampliación de Citroën e a do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL), solicitado polo goberno de Vigo.

Segundo o criterio dos técnicos municipais, a declaración do interese supramunicipal é o modo máis rápido de levar adiante estes catro proxectos, que ademais afectan tanto a Vigo como a outros concellos do entorno, afirmou Abel Caballero. A vía autonómica tardaría 9 meses en resolver unicamente a información pública e a tramitación de informes, polos 16 meses que se alongarían mediante unha modificación puntual do Plan en vigor; polo tanto, "a mellor fórmula para os cidadáns é a supramunicipalidade", esgrimiu o rexedor.

Ademais, a tramitación autonómica é unha das alternativas propostas pola ministra de Fomento, Ana Pastor, para a estación intermodal bus-tren de Urzáiz e tamén o método preferido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo para a ampliación do PTL. "Parece que coincidimos", concluíu Caballero.

O alcalde de Vigo recordou que a vía supramunicipal foi empregada pola Xunta de Galicia antes, na construción de instalacións como o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo e a Cidade da Cultura e a residencia de Montepío en Santiago de Compostela, entre outras.