venres, 14 mai 2010
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este venres unha nova edición do convenio coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, que este ano pasou dos 15.000 aos 17.000 euros. Na presentación, na que tamén participou a coordinadora da Rede, Rosa Fontaíña, a concelleira nacionalista destacou a importancia de que o Concello de Vigo siga facendo esforzos no financiamento desta entidade, nomeadamente nestes momentos de crise económica.
mércores, 21 abr 2010
O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, dependente da Concellería de Igualdade, acollerá a presentación do libro "1325 mujeres tejiendo la paz" o vindeiro xoves 22 de abril ás 20,00 h. Este libro, da Fundación Cultura de Paz (CEIPAZ), está dirixido por Manuela Mesa Peinado.
venres, 16 abr 2010
Con motivo da celebración o día 23 de abril, do Día do Libro, o Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, que depende da Concellería de Igualdade, agasallará cun libro ás persoas que durante os días 19 e 23 de abril se acheguen a visitar as instalacións. O horario do Centro, que está ubicado na Biblioteca Central, é de luns a venres de 10 a 14 horas e de martes a venres de 16 a 20 horas.
xoves, 25 mar 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e o edil de Cultura, Xesus López, destacaron este xoves que hoxé é "un día moi importante para Vigo" pola posta en marcha do Centro de Documentación de Recursos Feministas no segundo andar da Biblioteca Central. Santi Domínguez salientou asemade que a apertura deste centro amosa "a nosa aposta pola igualdade entre homes e mulleres e a defensa dos dereitos das mulleres".
xoves, 11 mar 2010
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, anunciou hoxe que o vindeiro luns, 15 de marzo, se abrirá o prazo de inscrición para participar na nova edición do programa "Tanto monta, monta tanto", que ten por obxectivo fomentar a corresponsabilidade doméstica e familiar. A concelleira afirmou que se trata dunha iniciativa que forma parte dos obxectivos do cuarto Plan de Igualdade que ten acadado unha gran aceptación e que nesta segunda edición oferta un total de 135 as prazas.
luns, 8 mar 2010
O Consello Municipal da Muller celebrou hoxe un pleno específico no salón de plenos do Concello de Vigo nunha sesión aberta ao público que serviu para que as representantes de nove asociacións expuxesen as traxectorias dos colectivos desde os seus inicios ata actualidade. A sesión enmarcouse dentro da conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller, que continuará no resto do presente mes na cidade co desenvolvemento de outras actividades.
venres, 5 mar 2010
Organizada polo Consello Municipal da Muller, a Praza 8 de Marzo acollerá, o domingo 7 de marzo, unha xornada repleta de actividades de música, títeres, lectura, graffiti, humor e agasallos.As actividades previstas, que se prolongarán durante toda a xornada neste espazo (situado entre os números 89 e 91 da rúa Camelias), transformarán esta céntrica praza nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral, xa que no programa están incluídos actos para nenas e nenos e persoas adultas.
luns, 1 mar 2010
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este luns as actividades organizadas polo Consello Municipal da Muller para conmemorar o Día Internacional da Muller e que terá o acto central o vindeiro domingo na Praza 8 de Marzo. Baixo o lema "Dereitos das mulleres. A revolución creactiva", a concelleira salientou que a convocatoria deste ano quere poñer de manifesto o traballo que se está a desenvolver para manter os dereitos xa acadados polas mulleres.
martes, 16 feb 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentaron a obra "Galegas. Retratos de igualdade", que segundo salientou o tenente de alcalde fai visible o papel das mulleres nos diferentes sectores da sociedade. A obra pon rostro a doce mulleres, entre as que se atopan unha xefa de obra, unha patrona dunha cofradia e unha empresaria do turismo do viño, a través dos textos de Carmen Sampedro e as imaxes de Anxo Cabada.
venres, 5 feb 2010
"Feminismo galego, cambios e dereitos das mulleres", é o nome da exposición que se pode ver ata o 5 de marzo na Casa das Mulleres de Vigo, unha mostra accesible e didáctica aberta a diferentes públicos que mediante materiais diversos afonda nos cambios sociais e dereitos da muller desde os tempos da Revolución francesa ata o nosos días, pero con especial atención aos feitos relacionados co feminismo na sociedade galega. <br />