Escoitar

Santi Domínguez presenta 'Galegas. Retratos da igualdade' para visibilizar a aportación das mulleres á sociedade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentaron a obra "Galegas. Retratos de igualdade", que segundo salientou o tenente de alcalde fai visible o papel das mulleres nos diferentes sectores da sociedade. A obra pon rostro a doce mulleres, entre as que se atopan unha xefa de obra, unha patrona dunha cofradia e unha empresaria do turismo do viño, a través dos textos de Carmen Sampedro e as imaxes de Anxo Cabada.

martes, 16 feb 2010
1266327617galegasretratos.jpg
"Queremos que este libro serva para rendir homenaxe ás mulleres que se abren camiño tendo que demostrar máis que calquera home", salientou o tenente de alcalde. Na súa intervención tamén dixo que é obxectivo da publicación facer un "recoñecemento ás mulleres anónimas que loitan por facerse un hoco" e contribuír a que os homes se impliquen na igualdade, nunha sociedade na que aínda existen discriminacións.

Santi Domínguez afirmou que o traballo a prol da igualdade é un dos eixos fundamentais das áreas que coordina a Tenencia de Alcaldia, para acadar que Vigo sexa realmente unha cidade da igualdade. Como exemplo dese traballo puxo o Plan de Igualdade, recentemente aprobado en pleno. "É preciso que as discriminacións empecen a ser historia, porque a batalla da igualdade hai que librala todos os días", manifestou.

Ademais de divulgar o papel o papel das mulleres en distintos oficios, Iolanda Veloso subliñou que o libro busca "crear referentes femininos para nenas e mozas", co obxectivo de que vexan que hai mulleres traballando en profesións asociadas inicialmente a homes. "É fundamental que saiban que ademais de princesas poden ser enxeñeiras, patronas de pesca, investigadoras e calquera cousa que queiran", destacou.

A concelleira de Igualdade explicou que para elaborar a publicación os autores falaron con cada unha das protagonistas, de forma que o libro amosa as súas reflexións en primeira persoa sobre "as dificultades que viven as mulleres no noso país, pese a que se produciron cambios innegables nos últimos anos".

Carmen Sampedro e Anxo Cabada, finalmente, aseguraron que o traballo de preparación do libro supuxo unha experiencia tremendamente enriquecedora. "Cando se encara un traballo que pasa pola investigación, a realidade sempre é máis rica do que un se impón inicialmente", comentou a autora dos textos.
Descargar todas as imaxes