Escoitar

Xabier Alonso aposta polo programa Deporte é só deporte para impulsar a práctica deportiva en todas as idades

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, defendeu hoxe o impulso da práctica deportiva ás persoas de todas as idades, tal e como promove o programa "Deporte é só deporte", que este ano chega a súa duodécima edición. O edil convidou aos vigueses e viguesas a practicar algunha das iniciativas propostas, como fútbol sala sen árbitros, kinball, bádminton ou cachibol.

luns, 15 feb 2010
"Deporte é só deporte" baséase na idea de que a práctica deportiva é un dereito de todas as persoas, independentemente das súas condicións físicas, psíquicas ou sociais. Asemade, considera que mentres competir é un traballo facer deporte é un pracer, que segundo o concelleiro de Deportes proporciona beneficios tanto físicos, como psíquicos e sociais.

As persoas maiores de 50 anos, poden practicar cachibol no Centro Social do Calvario os luns de 11 a 12.30; no IES da Guía os martes de 16:30 a 18.30; na Asociación de Veciños de Coruxo, os mércores de 17 a 18.30; no CEIP de San Andrés de Comesaña os xoves de 19 a 21 horas, e no CEIP Valadares Igrexa, os venres de 17 a 18.30.

O programa inclúe fútbol sala sen árbitros, destinado a persoas maiores de 18 anos, que se desenvolverá nos pavillóns do IES da Guía, o pavillón do Centro Cívico de Teis e o pavillón municipal de Teis todos os sábados de 9 a 14 horas. O kinball, para persoas a partir dos 6 anos, terá lugar todos os sábados de 10.30 a 11.30 horas no colexio Possumus. Finalmente, os maiores de 20 anos poderán xogar ao bádminton todos os martes de 16.30 a 18.30 no IES da Guía.
Para obter máis información sobre este programa, as persoas interesadas poden solicitala nos teléfonos do presidente da Agrupación Deportiva Xogara, Antonio Piñeiro (659 025 044), do Plan Comunitario de Teis (986 281 670), do IES A Guía (986 375 111) e do Colexio Possumus (986 371 330).