Escoitar

Iolanda Veloso presenta unha nova edición da campaña a prol do uso non sexista dos xoguetes dirixida aos adultos

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou hoxe unha nova edición da campaña a prol do uso non sexista dos xogos e os xoguetes dirixida especialmente aos adultos. Baixo os títulos "Valo privar de xogar?" e Vaste privar de xogar?" a iniciativa insiste na necesidade de traballar na coeducación dende a casa.

martes, 15 dec 2009
1260883816xoguetes.JPG
"Nunha época de tanto consumo de xogos e xoguetes como esta, os adultos seguimos reproducindo os roles sexistas", denunciou Iolanda Veloso. Explicou que nos catálogos dos xoguetes persisten as páxinas separadas para nenos e nenas, identificadas as destas en rosa, polo que subliñou que os adultos temos que ter en conta que tanto os pais como as nais "podemos xogar ao que queramos cos nosos fillos e fillas sen diferenciar segundo o sexo".

A concelleira de Igualdade salientou que pais e nais non teñen por que privarse de xogar ás bonecas cos nenos ou aos coches coas nenas, e afirmou que este é un camiño fundamental na superación das desigualdades e a discriminación. Explicou que a campaña desenvolverase mediante mupis instalados en diferentes rúas da cidade e postais navideñas, que se colgarán da web da Concellería de Igualdade para poder utilizalas nas tradicionais felicitacións.

Iolanda Veloso destacou a importancia que teñen os xogos e os xoguetes na educación, polo que salientou as posibilidades que presentan na coeducación de cativos e cativas "para superar os roles sexistas".
Descargar todas as imaxes