Escoitar

O centro de Documentación Feminista agasallará cun libro as persoas que visiten as instalacións do 19 ao 23 de abril

Con motivo da celebración o día 23 de abril, do Día do Libro, o Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, que depende da Concellería de Igualdade, agasallará cun libro ás persoas que durante os días 19 e 23 de abril se acheguen a visitar as instalacións. O horario do Centro, que está ubicado na Biblioteca Central, é de luns a venres de 10 a 14 horas e de martes a venres de 16 a 20 horas.

venres, 16 abr 2010
Por outra banda, este centro acollerá a presentación da obra "1325 mujeres tejiendo la paz" o vindeiro xoves 22 de abril ás 20 horas. Trátase dun libro da Fundación Cultura de Paz (CEIPAZ), dirixido por Manuela Mesa Peinado e coordinado por Laura Alonso, de CEIPAZ, e Elvira Landín, integrante do Seminario Galego de Educación para a paz.

Dada a importancia que para a Concellería de Igualdade ten dar a coñecer a resolución 1325, así como os contidos do libro, durante a semana do 19 ao 23 de abril, esta concellería doará un exemplar do libro "1325 mujeres tejiendo la paz" aos centros públicos de ensino secundario así como a todas as bibliotecas da cidade.

O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo é un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade dirixido ao público en xeral ou a persoal especializado e interesado nas citadas temáticas. Este centro recolle a documentación recompilada pola extinta asociación "GECM-Alecrín" desde os anos 80 e o fondo documental xerado pola Concellería de Igualdade de Vigo.