Escoitar

Máis de 360 atletas con discapacidade participarán o domingo nos XIV Xogos Autonómicos de Baloncesto

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a edil de Benestar Social, María Méndez, presentaron este xoves os XIV Xogos Autonómicos de Baloncesto Vigo 2010, xunto ao presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o presidente da Asociación Galega San Francisco, o pai Carlos Ortiz. Os xogos celebraranse no pavillón das Travesas o 18 de abril e participarán 366 atletas de Special Olympics Galicia con discapacidade intelectual.

xoves, 15 abr 2010
1271336344specialolympics.jpg
Os concelleiros destacaron a importancia de apoiar as iniciativas que buscan a normalización da vida das persoas con discapacidade e felicitaron a Special Olympics e Fademga polo seu traballo.
"Dende as distintas administracións hai que fomentar que estas actividades sigan adiante e que cada día se involucren máis participantes", destacou a concelleira. María Méndez asegurou asemade que dende a Concellería de Benestar Social se seguirán apoiando todas as iniciativas que vaian nesta liña.

Xabier Alonso subliñou que a liña de traballo máis importante que se desenvolve na Concellería de Deportes é a de "gañar adeptos para a práctica deportiva". Neste sentido destacou a importancia que ten a execución do Plan de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas nas dependencias municipais impulsado pola Concellería de Benestar Social. "Tanto dende Benestar Social como dende Deportes temos a obriga de estar ao carón de iniciativas como esta para favorecer a normalización da vida das persoas con discapacidade", afirmou.

O presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, sinalou que en total haberá máis de 500 persoas as que participarán o vindeiro domingo neste evento, das que 400 teñen algún tipo de discapacidade intelectual. "Non temos o obxectivo de acadar metas deportivas, senón de conseguir capacidades motóricas nas persoas con discapacidade intelectual, e incrementar a súa calidade de vida mediante a práctica de deporte terapéutico", explicou.

A celebración deste evento deportivo seguir´á o cerimonial das Olimpiadas, de xeito que unha vez rematado o desfile dos deportistas, ás 10.45 terá lugar a inauguración oficial. Ás 12 horas comezará a actividade deportiva, organizada en distintos niveis, "tendo en conta a nosa idea básica da igualdade de oportunidades", salientou Eladio Fernández. A clausura, finalmente, está prevista para as 19 horas.

Tanto o presidente de Special Olympics Galicia como o presidente da Asociación Galega San Francisco reiteraron o seu agradecemento ao Concello de Vigo e en particular aos responsables de Benestar Social e Deportes polo seu respaldo á celebración dos Xogos. "Un dos éxitos do goberno municipal actual é o seu apoio a este evento", asegurou o pai Carlos Ortiz.
Descargar todas as imaxes