mércores, 23 xul 2008
Desde o vindeiro sábado, día 26, ao 3 de agosto, as instalacións do IMD de Samil serán escenario do Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo-III Copa Caixanova, que congrega a 96 xogadoras de vintesete países (desde varios da UE ata de outros tan lonxanos como Filipinas, Tailandia e Australia) en busca dos puntos para o ranking WTA. O torneo, que organiza a Federación Galega de Tenis e patrocina o Concello, ademais de Xunta e Deputación, está dotado con 25.000 dólares (20.000 euros) en premios.

mércores, 23 xul 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, felicitou este mércores ao clube de béisbol Halcones de Vigo co gallo do seu recente ascenso á División de Honra no transcurso da recepción que ofreceu a directivos e xogadores da entidade. No encontro, que tivo lugar en dependencias municipais, o concelleiro nacionalista sinalou que este ascendo supón un "gran mérito" a partir do cal o clube afronta "importantes retos de cara ao futuro".

luns, 21 xul 2008
Do 28 ao 31 de xullo a Ría de Vigo acollerá unha escala da regata La Solitaire du Figaro, que este ano cumpre a súa 39 edición. Trátase dunha regata por etapas en solitario e con embarcacións monotipo que segundo subliñaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, permitirá promorcionar a cidade como destino privilexiado para as actividades náuticas de carácter europeo.

venres, 18 xul 2008
A Concellería de Deportes ven de contratar a execución das obras de ampliación do graderío no pavillón municipal de Bouzas, co obxectivo de incrementar a capacidade do seu aforo, segundo anunciou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, este venres. "A obras comezarán inmediatamente", asegurou o edil do BNG, e tras o investimento de 229.317,74 euros, o pavillón terá unha capacidade total para 662 espectadores, na que se inclúe espazo para a ubicación de 15 cadeiras de rodas.

venres, 18 xul 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, asistiu hoxe á presentación do equipo JSO by Sanoli, no que compite a viguesa Paula Costas, de 6 anos. Baixo a escudaría DCR Competición, tanto a viguesa como o resto de pilotos disputarán na temporada 2008 o Campionato Galego de karting e tamén diversas probas estatais.

xoves, 17 xul 2008
Oitenta arqueiros de toda Galicia (trece deles de Vigo), entre os que destacan varias compoñentes da selección española, acoden este sábado día 19 ao campo das Barrocas, en Valadares, para disputar o Campionato Galego de tiro con arco ao aire libre, na súa trixésima terceira edición. Os tiradores estrearán campo grazas ás xestións do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, que acordou coa directiva do Centro Veciñal e Cultural de Valadares que os arqueiros poidan competir ao aire libre nas Barrocas, onde os competidores tamén dispoñen dos servizos necesarios como vestiarios. Alonso destacou que é "un espazo adecuado", e agradeceu a total colaboración do centro cultural. O Club de Arqueiros Nito Ruiz é o organizador da proba.

xoves, 17 xul 2008
Este mediodía presentouse en Madrid o Campionato do Mundo de Powerboat P1, que se celebrará por primeira vez no Estado Español en augas da Ría de Vigo os días 11, 12,13 e 14 de setembro. No acto o tenente de alcalde, Santi Dominguez, agradeceu á Powerboat a gran aposta pola cidade e lembrou que "a cidadanía de Vigo está volcada no deporte e boa proba delo é o inmenso apoio a todos os grandes eventos deportivos disputados na cidade".

venres, 11 xul 2008
Durante a visita que o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, realizou este venres ao campo de fútbol de Bouzas, anunciou a próxima remodelación da instalación e a colocación de herba sintética de última xeración. "Non hai máis que ver como está o campo para comprobar que necesita unha remodelación urxente", subliñou o edil.
xoves, 10 xul 2008
A praia de Samil recibe este verán unha batería de modalidades deportivas englobadas no "Verán deportivo" que permitirán o goce de participantes e veraneantes. Entre o próximo día 18 e o 7 de agosto, disputaranse cinco disciplinas de competición (fútbol praia, balonmán praia, voley praia, foot voley e tenis praia) e outra de exhibición (cachibol), baixo o patrocinio de Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes, e a organización de Evento Global.
mércores, 9 xul 2008
O Concello realizou un importante esforzo para eliminar diversos problemas que detectara nas pistas de atletismo de Balaídos, con independencia do proxecto de estadio atlético que se prevé para o futuro. Nas últimas datas, e tras visitar as pistas o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, procedeuse a unha substancial mellora dos vestiarios, coa colocación de chan plástico (investimento de 5.800 euros), pintado dos mesmos (11.700 €) e instalación dunha nova caldeira (18.000 €).