xoves, 6 nov 2008
A primeira edición das Xornadas do Deporte Galego en Navia inaugúrase o 7 de novembro, nas instalacións da asociación veciñal desta parroquia coa presenza do campión europeo de boxeo Iván Pozo e o seu adestrador, Paco Amoedo, segundo anunciou este xoves o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. O edil destacou a importancia desta iniciativa porque "é novidosa e reflicte o traballo a prol do deporte que están a desenvolver asociacións veciñais como a de Navia".
mércores, 5 nov 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, salientou este mércores que os orzamentos municipais correspondentes ao 2009 son os "máis importantes da historia deportiva de Vigo". O edil explicou que a suma das partidas da Concellería de Deportes e do IMD suman 11.121.000 euros, o cal supón que "seguimos batendo récords na historia do deporte da cidade" e fai posible reforzar o apoio ao deporte de base, apostar polos grandes acontecementos deportivos, respaldar aos clubes federados e manter o impulso ás iniciativas de deporte e saúde.<br />
<br />
martes, 21 out 2008
O vindeiro domingo, 21 de outubro, a sexta edición do programa "Camiña e coñece" percorrerá a parroquia de Valadares, segundo anunciaron este martes o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Os concelleiros nacionalistas subliñaron que potenciar hábitos saudabeis, como camiñar, e potenciar o coñecemento da nosa cidade son os dous fins fundamentais do "Camiña e coñece", que xa percorreu a zona do Ensanche e Casco Vello, o paseo do Lagares, a parroquia de Candeán, o litoral vigués dende Bouzas ao Museo do Mar e os lugares máis emblemáticos da cidade en relación coas letras galegas.
martes, 14 out 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, anunciou hoxe a unha representación da Delegación Viguesa de Atletismo que a reforma integral do estadio de atletismo de Balaídos "é prioritaria" para o seu departamento e avanzou que xa "hai un compromiso da Xunta", a través da Dirección Xeral para o Deporte, para asinar un acordo que permita resolver os problemas dunha instalación anticuada. A solución chegará mediante a sinatura dun convenio de colaboración "que agora xa está na fase de redacción polos técnicos", dixo o concelleiro.
luns, 13 out 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, convocou para mañá martes nas dependencias da Concellería de Deportes, ás 13.30 horas, aos representantes da Delegación Viguesa de Atletismo para informarlles sobre a situación administrativa e de xestión do proxecto de reforma integral das pistas de Balaídos, unha das actuacións que o edil anunciou como prioritaria para este mandato.
venres, 10 out 2008
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, destacou este venres o incremento de participantes na nova temporada do programa de competicións deportivas non federadas de fútbol 7, futbol sala e baloncesto "Vigo en xogo". Así, na presentación do programa, na que tamén participou presidente da Agrupación Deportiva de Vigo, Alejandro Costas, o edil nacionalista sinalou que se pasará de 315 equipos na convocatoria pasada a 320 equipos na edición correspondente a 2008-2009.<br />
martes, 7 out 2008
Do 10 de outubro ao 2 de novembro a Ría de Vigo acollerá a Semana do Atlántico 2008, na que a vela é a principal protagonista. En total, máis dun milleiro de barcos procedentes de diversos lugares do mundo navegarán pola ría viguesa, de xeito que a cidade volverá a ser o punto de referenza a nivel internacional da vela lixeira, segundo salientaron este martes o tenente de alcalde, Santi Domínguez e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.
xoves, 2 out 2008
O programa "Cólgate da vela", posto en marcha pola Federación Galega de Vela en colaboración coa Dirección Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego, ofrece 151 prazas gratuitas para escolares dos centros educativos de Vigo co obxectivo de promover a vela en catamarán entre a xente moza.
mércores, 24 set 2008
O vindeiro 1 de outubro comezan as escolas deportivas municipais, que ofertan unhas 4.000 prazas entre as destinadas a nenos e nenas nacidos entre 1992 e 2002 (aínda que tamén hai algunhas disciplinas ata os 18 anos) e os novos cursos para adultos. O primeiro prazo para inscribirse está aberto ata o día 26 en todas as modalidades para antigos e novos alumnos, mentres que o de adultos, unha das novidades do programa, tamén está aberto ata o día 26 deste mes.
luns, 22 set 2008
A Fundación VIDE presentou hoxe a nova oferta deportiva de elite para a tempada 2008/09 . A tarxeta de abonado suporá que calquera socio do carné siareiro de elite poderá acceder durante setembro a xuño a un mínimo de 164 partidos que os equipos vigueses programarán como locatarios.