Escoitar

Xabier Alonso amosa o seu apoio á regatista invidente Carme García, que vai participar no Mundial de Perth

Carme García participará do 20 ao 26 deste mes en Perth (Australia) no Campionato do Mundo de vela para invidentes. A regatista, que estes días puido adestrarse na ría viguesa "grazas ás xestións do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso", como lembrou e agradeceu en rolda de prensa, parte este xoves xunto cos dous tripulantes valencianos que conforman o proxecto do Club Náutico Un Mar sen Barreiras."

martes, 15 mar 2011
1300198079deportes.JPG
O edil nacionalista asegurou estar "encantado de ter unha viguesa de adopción -reside en Vigo desde 2008- campiona do mundo de esquí para discapacitados visuais que agora proba na vela", aínda que xa regateara en vela adaptada. Tripulacións de países como Inglaterra, Italia, Francia, España e Australia competirán polo triunfo.

Espero poder estar á altura", di Carme García, que valorou o apoio do Concello de Vigo e da Federación Galega de Vela, pois ao final o equipo, aínda sendo o club de Valencia, competirá baixo a grímpola galega. Manuel Gimeno e Federico Giner, os compañeiros de Carme García, xa foron bronce en 2010 e esta é unha oportunidade para eles e ella de acudir a Londres 2012, onde a vela para cegos será deporte de exhibición con vistas a Río 2016.

"Non me fago formulacións a longo prazo", explicou a nova deportista viguesa. "Teño 36 anos e o que quero é facelo o mellor posible, aínda que se quedamos moi ben seguro que me animo a seguir", dixo García Rigau, cun 8% de agudeza visual. Xabier Alonso dixo que a Concellería "sempre está disposta a pór en valor o deporte discapacitado", e cualificou á regatista de "extraordinaria deportista".
Descargar todas as imaxes