Escoitar

O alcalde presenta o primeiro aeroxerador eólico urbano, que abastecerá de enerxías renovables ao alumeado público de Manuel Cominges

Abel Caballero presentou este martes o primeiro aeroxerador eólico urbano que se instala en Vigo, e que dará servizo ao alumeado público da rúa Manuel Cominges, en Matamá. O muíño ten 12 metros de altura e ofrece unha enerxía limpa anual de 5.554 kw/hora, a cuarta parte das necesidades eléctricas desta rúa e unha reducción de 3.600 quilogramos de CO2 anuais. O Concello planea ampliar estas instalacións a Samil, a ETEA e VigoZoo.

martes, 15 mar 2011
1300206693matama.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este martes o primeiro aeroxerador urbano instalado na rúa Manuel Cominges, en Matamá, que abastecerá con enerxía limpa ao alumeado público desta rúa.

Segundo apuntou Caballero, trátase dun muíño que arranca cunha velocidade do vento de 3m/sg e, de non haber vento suficiente, automáticamente entra o servizo eléctrico habitual para abastecer á rúa, co que está "garantido o suministro" en todo momento.

A empresa Sonkyo Energy, participada por NCG, regalou o xerador á cidade, e o Concello de Vigo correu a cargo dos 10.000 euros da instalación. O dispositivo ten 12 metros de altura, unha potencia de 3,5 quilovatios e unha producción anual de 5.554 á hora, un abastecemento equivalente á cuarta parte das necesidades eléctricas de Manuel Cominges, á reducción de 3.600 quilogramos de CO2 ao ano e á absorción de gases de efecto invernadoiro de 260 árbores.

"É un bo esquema que imos establecer noutros sitios", asegurou Abel Caballero, quen citou outras opcións como Samil, a ETEA, ou VigoZoo, onde o xerador terá o dobre de potencia que o presentado hoxe.

Eficiencia enerxética
O alcalde explicou que o goberno local ten dispostas outras instalacións de enerxías renovables na cidade: fotovoltaicas en Navia, solar fotovoltaica no Parque Central de Servizos e térmica solar para auga quente na piscina municipal das Travesas.

O actual goberno local tamén cambiou toda a sinalización semafórica da cidade para instalar as luces LEDS, igualmente habilitadas nas rúas Lugo, Doutor Cadaval e Mestre Montes. Ademais o Concello ten dispoñibles reloxos astronómicos que miden a intensidade da luz solar para regular automáticamente a iluminación pública municipal. O alcalde tamén recordou que desde a pasada semana móvese por Vigo nos actos oficiais nun coche 100% eléctrico.

"É un modelo de actuación que a partir de agora queremos xeralizar e queremos facer de forma global en todas as obras que fagamos no Concello", afirmou Abel Caballero durante a presentación. "As cidades temos que empezar a tomar decisións que signifiquen o aforro enerxético", concluíu.
Descargar todas as imaxes