Escoitar

Santi Domínguez anuncia o incremento a 17 das Unidades de Traballo Social na aposta por mellorar a atención social

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron este martes o desdobramento das Unidades de Traballo Social municipais, que pasan de 11 a 17, e que suporá reducir as listas de agarda e unha mellora da calidade asistencial. Para Santi Domínguez esta iniciativa pon de manifesto o compromiso dos nacionalistas na atención ás persoas e a aposta por mellorar a calidade asistencial, achegando os servizos sociais á cidadanía reducindo ata 16.500 o número de persoas por traballadora social.

martes, 15 mar 2011
1300197717UTS.JPG
Santi Domínguez considerou que para a cidade son moi importantes as grandes infraestruturas e os proxectos para avanzar cara ao futuro, pero destacou que dende a Tenencia de Alcalde e a Concellería de Benestar Social "temos moi claro que a cidade vive da atención que se lle dá as persoas". Por iso dixo que dende a chegada ao goberno "tiñamos moi claro que traballar para a xente tiña que ser unha obriga".

O nacionalista destacou o traballo feito nesta liña por María Méndez e seu equipo da Concellería de Benestar Social, "dando pasos para acadar a integración das persoas e para que as persoas con necesidades teñan un calidade asistencial que antes non tiñan". Para o nacionalista, o traballo desenvolvido é "directo, persoal e involucrando aos colectivos", feito dende a escoita.

"Facer a planificacións dos servizos sociais non dende os despachos, senón dende a realidade", é segundo o tenente de alcalde outra das características do traballo impulsado pola concelleira de Benestar Social. Ao seu xuízo, a aposta polo desdobramento das UTS é un bo exemplo desta planificación racional, especialmente necesaria en tempo de crise para atender as necesidades das familias. "Por iso, en tempo de crise dende o BNG tiñamos moi claro que non iamos recortar na atención ás persoas", destacou.

Mediante o desdobramento das UTS, segundo a concelleira nacionalista, acadarase unha notable redución das listas de agarda, xa que cada traballadora social pasará de ter 26.700 persoas no seu listaxe de atención a ter arredor de 16.500 veciños e veciñas, beneficiada tamén pola nova distribución en función da vinculación territorial. Neste sentido, María Méndez apuntou que un obxectivo do BNG para o vindeiro mandato é reducir este cupo ás 8.500 persoas, así como a creación de novas dotacións como o novo centro de servizos sociais de Lavadores e que o orzamento da Concellería de Benestar Social acade o 7% do orzamento municipal total.

A concelleira de Benestar Social salientou que hoxe é un día importante "porque por fin cumprimos un dos compromisos do programa electoral". María Méndez defendeu que non se trata de prometer grandes cousas, senón de "comprometernos naquelas cousas que pensamos que se poden cumprir". Explicou que un deses obxectivos era o de achegar os servizos sociais á cidadanía a través da elaboración dun Plan Director dos Servizos Sociais municipais que reflectira cal era o punto de partida, que recursos existían e onde se quería chegar.

A enquisa feita, nunha primeira instancia, a máis de 2.000 persoas puxo de manifesto o descoñecemento dos vigueses e viguesas dos servizos sociais municipais, así como a carencia de recursos especializados. Por outra banda, a enquisa realizada aos usuarios e usuarias das UTS indicou a boa valoración dos traballadores e traballadoras sociais, que segundo o xefe de servizo Jesús Torrón, foi dun 4,11 sobre 5.
Descargar todas as imaxes