Escoitar

María Méndez di que o dispositivo de frío tivo 2.599 pernotas en 95 días e anuncia a apertura dun novo piso para mulleres

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo este luns balance do dispositivo de frío, aberto o pasado 9 de decembro no pavillón do Berbés, data dende a que rexistrou un total de 2.599 pernoctacións de 147 persoas diferentes. A edil do BNG anunciou ademais a apertura indefinida dun novo piso para mulleres co obxectivo de "dar resposta ás necesidades das mulleres que están na rúa".

luns, 14 mar 2011
1300110349dispositivofrio.JPG
A nacionalista sinalou que a media diaria de ocupación foi de 27 persoas, arredor de 25 homes e un máximo de 3 mulleres. Respecto aos datos globais do número de persoas que utilizaron o dispositivo, a concelleira de Benestar Social sinalou que son similares aos do ano pasado, aínda que se rexistrou un moderado descenso, ao pasar de 2.836 a 2.599 pernoctacións. Apuntou que destes usuarios e usuarias, o 86% foron homes e o 14% mulleres; o 56% españois e o 44 % estranxeiros. Foron 1.302 os homes españois, 176 as mulleres españolas, 492 os homes estranxeiros e 179 as mulleres estranxeiras. María Méndez sinalou que o 20% das 147 persoas diferentes que utilizaron o dispositivo deriváronse aos Servizos Sociais municipais e destacou a importancia de que estean "na fiestra única" para poder facilitarlles información sobre as prestacións sociais e as axudas que poden solicitar.

A concelleira explicou que o dispositivo de frío contou este ano con diversas melloras de adecentamento do lugar, como a colocación de radiadores, a división dos espazos destinados ás mulleres e aos homes, así como a ampliación de persoal e do horario, que este ano foi de 21 a 9 horas. Asegurou que non houbo incidencias destacables nin queixas e agradeceu a outras dependencias municipais como as concellerías de Deportes e Medio Ambiente e a Policía Local a súa colaboración no funcionamento do dispositivo.

Por outra parte, María Méndez anunciou que mañá se porá en servizo un piso para mulleres sen teito. Segundo explicou, este recurso parte do piso do Programa Vía de necesidades intermedias destinado a mulleres, xa que tiña unha moi baixa ocupación, cunha media de 1,5 prazas ao día sobre as 5 dispoñibles.

"Tras o peche dese piso, vimos que as mulleres moi desestruturadas demandaban un lugar, pero non estaban preparadas para programas intermedios", explicou a concelleira. A nacionalista asegurou que para dar resposta a esta demanda mañá abrirá un dispositivo de "baixa esixencia", que terá 5 prazas. Os requisitos para acceder a el son, ademáis de ser muller, ter máis de 18 anos, non ter fogar, carecer de apoio familiar e non ter dispoñibilidade monetaria para aboar un aloxamento. Ademáis, as mulleres que acudan deben ter suficiente autonomía persoal e non padecer enfermidade física ou psíquica que a dificulte.

A concelleira de Benestar Social indicou que as usuarias deste servizo poden ser remitidas polas diferentes asociacións que traballan con mulleres, polas mañás se é ao Concello directamente ou ata as 18 horas ao dispositivo Sereos. O piso terá un horario de 21 a 9 horas e contará cunha educadora social e unha traballadora social. Sinalou que entre os servizos que ofrecerá están os de lavandería, cea e almorzo. En resposta aos medios explicou que a estancia máxima inicial é de 15 días, período de tempo que se agarda que sexa suficiente para atoparlles un lugar de estancia permanente, polo que en caso de que non sexa posible poderán permanecer neste novo servizo.
Descargar todas as imaxes