martes, 15 marzo 2011

O alcalde presenta o primeiro aeroxerador eólico urbano, que abastecerá de enerxías renovables ao alumeado público de Manuel Cominges

Abel Caballero presentou este martes o primeiro aeroxerador eólico urbano que se instala en Vigo, e que dará servizo ao alumeado público da rúa Manuel Cominges, en Matamá. O muíño ten 12 metros de altura e ofrece unha enerxía limpa anual de 5.554 kw/hora, a cuarta parte das necesidades eléctricas desta rúa e unha reducción de 3.600 quilogramos de CO2 anuais. O Concello planea ampliar estas instalacións a Samil, a ETEA e VigoZoo.

Caballero desvela dúas novas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ratifican a "validez do Plan de Ordenación Municipal" de Vigo

martes, 15 mar 2011

O alcalde de Vigo informou hoxe martes de dous novos ditames xudiciais relativose favorables ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Unha sentenza ratifica a calificación do solo nas proximidades á Praza da Industria e a segunda confirma que duplicar a vivenda protexida non é unha modificación substancial e por tanto non precisa de nova exposición pública. Segundo apuntou o alcalde, trátase dunha "nova sentenza, e van dez, favorable á validade do Plan".

Santi Domínguez anuncia o incremento a 17 das Unidades de Traballo Social na aposta por mellorar a atención social

martes, 15 mar 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron este martes o desdobramento das Unidades de Traballo Social municipais, que pasan de 11 a 17, e que suporá reducir as listas de agarda e unha mellora da calidade asistencial. Para Santi Domínguez esta iniciativa pon de manifesto o compromiso dos nacionalistas na atención ás persoas e a aposta por mellorar a calidade asistencial, achegando os servizos sociais á cidadanía reducindo ata 16.500 o número de persoas por traballadora social.

O alcalde propón á Xunta e á Deputación conveniar a atención educativa dos escolares de Vigo con discapacidade

martes, 15 mar 2011

Abel Caballero mantivo hoxe martes un encontro con 17 nais con alumnos e alumnas con necesidades especiais, quenes solicitaron o apoio municipal porque a Xunta de Galicia está retirando o seu respaldo. Pese a ser competencia autonómica, o alcalde ofreceu á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra un convenio para sufragar entre as tres institucións públicas as necesidades educativas destes escolares da cidade.

O tenente de alcalde entregou os diplomas aos nenos e nenas gañadores do concurso de debuxo de Vigolandia

martes, 15 mar 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, entregou este martes os diplomas e agasallos aos gañadores e gañadoras do concurso escolar de debuxo de Vigolandia. O nacionalista expresou a súa satisfacción polo incremento de participación nesta edición do concurso, xa que presentaron os seus traballos máis de 1.600 escolares de 20 centros escolares de Vigo, que supón un 28% de participantes máis que o ano pasado.

Xabier Alonso amosa o seu apoio á regatista invidente Carme García, que vai participar no Mundial de Perth

martes, 15 mar 2011

Carme García participará do 20 ao 26 deste mes en Perth (Australia) no Campionato do Mundo de vela para invidentes. A regatista, que estes días puido adestrarse na ría viguesa "grazas ás xestións do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso", como lembrou e agradeceu en rolda de prensa, parte este xoves xunto cos dous tripulantes valencianos que conforman o proxecto do Club Náutico Un Mar sen Barreiras."

VIDEOFÓRUM dentro das actividades polo 8 de marzo

martes, 15 mar 2011

"El niño pez" é o título da película de Lucía Puenzo que se poderá ver o mércores 16 de marzo ás 18.00 no centro de documentación feminista, na r/ Joaquín Yáñez, 6 - 2º . biblioteca pública do Casco Vello. A actividades forma parte do programa do 8 de marzo da Concellería de Igualdade.

Xornadas "Lingua, xénero e comunicación"

martes, 15 mar 2011

Durante os días 4 e 5 de abril a Casa das Mulleres acollerá as xornadas "Lingua, xénero e comunicación". Organizadas pola concellería de Igualdade estas xornadas enmárcanse nas actuacións do IV Plan integral de Igualdade de oportunidades de mulleres e homes do Concello de Vigo (2009-2012), aprobado pola corporación municipal en novembro de 2009, e teñen como obxectivo promover a utilización dunha linguaxe e imaxe non sexista, que visibilice e represente ao conxunto da cidadanía dun xeito igualitario e non sexista