Escoitar

Xabier Alonso salienta que o Trofeo Cidade de Vigo de Patinaxe reunirá o 1 e 2 de abril a máis de 500 deportistas

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este luns a primeira edición da Copa de España de Grupos Show Trofeo Cidade de Vigo de Patinaxe Artística, que se celebrará os días 1 e 2 de abril no pavillón de As Travesas. O nacionalista destacou que esta nova competición reunirá a máis de 500 deportistas de 11 federacións autonómicas, das que a catalana e a galega son as máis numerosas.

martes, 29 mar 2011
1301414955Patinaxe.JPG
"Dende a Concellería de Deportes estou encantado de que a nosa cidade sexa sede dun novo campionato", afirmou Xabier Alonso, polo que expresou seus parabéns ao Coruxo F.C., pola organización da proba. O concelleiro de Deportes destacou que o patinaxe é unha das disciplinas deportivas que conta "cunha base extraordinaria na cidade", polo que considerou que a proba será un "éxito rotundo".

O nacionalista asegurou que será un espectáculo "dunha estética impresionante", que conxuga a coordinación das coreografías coa técnica propia do patinaxe. Fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que se achegen ao pavillón de As Travesas para gozar da competición. Ademais, expresou a súa confianza de que Vigo repita como sede do campionato, "porque tanto o Coruxo como a cidade teñen demostrado a súa gran capacidade organizativa", destacou.

O vicepresidente do Coruxo F.C., Pachi Comesaña, agradeceu ao concelleiro de Deportes o seu apoio á celebración do campionato. Explicou que na proba participan catro categorías, os grupos pequenos, con 21 agrupacións; os grupos grandes, os xuvenís e os cuartetos, con 8 agrupacións en cada unha delas. "Trátase dunha proba moi relevante, xa que os participantes xóganse a súa clasificación para o campionato de Europa", afirmou.
Descargar todas as imaxes