Escoitar

Santi Domínguez afirma que a apertura do complexo de locais de ensaio Vigosónico dá resposta ás demandas da mocidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou estes venres o complexo de locais de ensaio de Vigosónico, na primeira das xornadas de portas abertas que están tendo lugar antes da súa apertura definitiva a finais no mes de abril. O nacionalista afirmou que "Vigosónico" é moito máis que uns simples locais de ensaio, senón que é "un espazo para a música e a creatividade dos mozos e mozas de cidade, pero tamén un lugar para a dinamización xuvenil", que dá resposta as súas demandas.

venres, 25 mar 2011
1301061220Vigosonico.JPG
Santi Domínguez afirmou que se trata dun espazo "pioneiro en Galiza", no que se fixo un investimento de 1,5 millóns de euros. O complexo conta con 5 salas de ensaios musicais, 4 cabinas de formación, un estudo de gravación, unha sala de informática con 12 postos de acceso a internet gratuíto e unha sala multiusos na que se poden desenvolver todo tipo de actividades. Nestas instalacións os novos talentos poderán poñer en práctica a súa actividade musical, pero tamén outras disciplinas artísticas desde o teatro ao break dance.

Os grupos musicais xuvenís atoparán un espazo totalmente dotado para realizar todo o proceso de creación, dende os ensaios e a gravación de maquetas, ata recibir formación e asesoramento para a súa promoción. Segundo destacou o nacionalista, "Vigosónico" tamén ofrece aos diferentes colectivos e entidades xuvenís un lugar no que desenvolver os seus proxectos creativos ou asociativos.

Na súa intervención, Santi Domínguez lembrou que hai 11 anos, sendo entón concelleiro de Xuventude, abriuse na cidade o primeiro local de ensaio, froito da posta en marcha do programa Móvete con Vigo. Sinalou que a través desta iniciativa a mocidade viguesa demandaba, nun 90%, a apertura de locais de ensaio. "Así foi como o equipo da Concellería de Xuventude puxemos en marcha o primeiro local de ensaio, que en dous ou tres días xa tivo lista de agarda", comentou.

O tenente de alcalde manifestou que, ao retomar a xestión da área de Xuventude "tivemos claro que xa non se podían seguir poñendo parches", e que había que poñer en marcha un espazo no que a mocidade puidera desenvolver a súas habilidades musicais. Destacou que Vigosónico non é a única iniciativa desenvolvida, senón que o coro e a orquestra Xovigo tamén amosan o compromiso da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Xuventude por dar resposta ás demandas da mocidade.

Felicitou, finalmente, á concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, e ao seu equipo o traballo desenvolvido nestes catro anos. Iolanda Veloso, pola súa banda, asegurou que o proceso de posta en marcha do Vigosónico ten sido un "longo percorrido e dun longo traballo" dende a súa primeira xuntanza co director xeral de Xuventude hai catro anos, Rubén Cela, cando dixo que "Vigo non podía ter uns locais de ensaio calquera, senón que tiña que ser os mellores de Galiza".

A concelleira de Xuventude salientou que hoxe é o día "de coñecer as novas instalacións, que poden dar moito de si". Pero dixo que tamén é o momento de "escoitar as opinións e suxestións da mocidade para poder sacar o máximo rendemento as instalacións". Agradeceu a todas as persoas que asistiron á xornada de portas abertas e a todas as que co seu traballo fixeron posible a apertura do centro e que se cumpriran os prazos, o tenente de alcalde, o ex director xeral de Xuventude, o equipo da Concellería de Xuventude, os arquitectos municipais e a empresa construtora.
Descargar todas as imaxes