Escoitar

Xabier Alonso anuncia que a tradicional Carreira do Pavo disputarase o vindeiro domingo na Praza de Compostela

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe a XLIX edición da Carreira do Pavo, que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de decembre, dende as 10.30 horas na Praza de Compostela. O nacionalista destacou que esta carreira, xa plenamente consolidada, ten o aliciente de ser a última das probas programadas no Circuíto de Carreiras Populares que organiza o Concello de Vigo.

mércores, 15 dec 2010
1292419982Pavo.JPG
Xabier Alonso afirmou que esta carreira recolle a historia do atletismo, "tal e como se pode comprobar no seu historial de vencedores", xa que a primeira edición disputouse no ano 1943. Destacou que, ademais de contar coa participación de atletas veteranos, a Carreira do Pavo tamén potencia a presenza dos atletas máis novos, tanto na modalidade masculina como feminina.

O concelleiro de Deportes comentou que na edición deste ano, a carreira compartirá percorrido co tráfico rodado, debido ás obras que se están a executar na rúa Marqués de Valladares, polo que pediu a comprensión dos participantes e afeccionados e afeccionadas. Porén, asegurou que o vindeiro domingo todos e todas poderán "gozar dunha boa mañá de atletismo".

"Na Concellería de Deportes estamos convencidos da obriga que temos de apoiar as probas deportivas", manifestou. Ao seu xuízo, a creación de novas infraestruturas "só ten sentido si se estende a práctica deportiva". Por outra banda, avanzou que a entrega de premios do Circuíto de Carreiras Populares terá lugar o martes 21 de decembro no museo Verbum ás 20.30 horas.

O delegado da Federación Galega de Atletismo en Vigo, Eleuterio García, indicou que o prazo de inscrición para participar pecha mañá, 16 de decembro ás 21 horas. As persoas interesadas pódense inscribir na delegación da Federación, na sección de Deportes de El Corte Inglés e mediante o correo resultados@vigoatletismo.es.
Descargar todas as imaxes