Escoitar

O tenente de alcalde acorda cos sindicatos impulsar medidas conxuntas para dar resposta ás consecuencias da crise

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, mantivo hoxe martes unha xuntanza cos secretarios comarcais de CIG, Serafín Otero, e de CC OO, José Cameselle, -non puido asistir o responsable de UGT-, para valorar a situación económica e a incidencia que está a ter en Vigo e a súa comarca. O nacionalista destacou que foi unha reunión "moi fructífera", na que se acordou impulsar medidas conxuntas para paliar a situación das persoas máis afectadas pola crise, así como dar a coñecer todos os servizos sociais e recursos municipais "para que a información chegue a todos os rincóns e a xente que o precisa poa acceder a eles".

martes, 14 dec 2010
1292334858sindicatos.JPG
O nacionalista iniciou cos sindicatos unha rolda de contactos con diferentes entidades e institucións da cidade para definir medidas que permitan atender ás consecuencias que a crise está a deixar na cidadanía de Vigo. "É importante escoitar aos colectivos para ver de que modo podemos enfocar mellor os recursos", sinalou.

Tras este primeiro encontro, Santi Domínguez asegurou que todos os recursos e accións que se desenvolvan dende a Tenencia de Alcaldía e as áreas da súa competencia teñen o "obxectivo prioritario" de atender ás persoas afectadas pola situación económica, "sobre todo a partir de febreiro cando moitas persoas en paro deixarán de percibir a axuda de 426 euros".

"Imos desenvolver unha coordinación específica cos tres sindicatos para que todas as persoas saiban con que recursos poden contar", afirmou. Para acadar este obxectivo, o tenente de alcalde avanzou que na xuntanza "emprazámosnos a reunirnos mensulamente para impulsar medidas que axuden a saír desta situación", polo que agradeceu aos representantes de CIG e CCOO o seu "afán de colaboración".

O nacionalista informou de que na reunión tamén se abordou como afecta á crise ao pequeno e o mediano comercio da cidade e apuntou que os representantes sindicais trasladáronlle a necesidade de continuar coas axudas directas a este sector, que iniciou no 2009 a Tenencia de Alcaldía. O tenente de alcalde comentou que acordaron tamén traballar para fomentar a formación e o emprego.

Preguntado pola capacidade de destinar máis recursos ás persoas máis desfavorecidas, Santi Domínguez reiterou que faranse recortes "onde faga falta" para manter as axudas sociais e apuntou que "se hai que subilas subiranse dentro dos recursos que ten o Concello". Ao respecto, o tenente de alcalde instou á Xunta a incrementar as axudas que ten que aportar aos concellos "e a non reducilas como está facendo agora". Segundo o nacionalista, o goberno galego "ten que facer algo, porque estamos falando de 30.000 parados en Vigo e 60.000 na súa comarca".

O secretario comarcal de CIG, Serafín Otero, fixo referencia á situación de Vigo e a súa comarca a partir dos datos dados a coñecer recentemente. Defendeu que dende o Concello é preciso "tratar de buscar saídas a esta situación", dado o número crecente de persoas en situación de paro na cidade. Recoñeceu a "boa disposición" do tenente de alcalde neste sentido, aínda que asegurou que é unha tarefa de todo o goberno, de toda a cidadanía e de todas as entidades sociais.

O secretario comarcal de CC OO, José Cameselle, destacou que a situación é "moi grave, sobre todo cando se escoita ao presidente da Xunta dicir que a creación de emprego quedará para 2014". Manifestou tamén que o Concello de Vigo ten que contribuír a solucionar os problemas especialmente das persoas que no vindeiro mes de febreiro quedarán sen a axuda de 426 euros. "Os parados estarán nunha situación de maior dificultade económica", dixo, polo que defendeu o incremento das axudas municipais. Falou, por outra banda, da posibilidade de crear emprego dende o Concello, tras o remate do Plan E, que segundo recoñeceu foi unha boa ferramenta para a creación de postos de traballo.
Descargar todas as imaxes