Escoitar

Iolanda Veloso avanza que 34 colectivos amosarán o que fai a xente moza nas xornadas Moceando do 17 ao 19 de decembro

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este luns a segunda edición das xornadas Moceando, que se desenvolverán do 17 ao 19 de decembro nunha carpa instalada fronte ao Náutico. A edil nacionalista destacou que o obxectivo desta iniciativa, que inclúe concertos, proxeccións, xogos e obradoiros, é "amosar o que están facendo os mozos e mozas da nosa cidade no seu tempo de lecer e rachar cos estereotipos e a mala imaxe que moitas veces se transmite da mocidade".

luns, 13 dec 2010
1292245996Moceando.JPG
Iolanda Veloso explicou que na organización das xornadas "Moceando nun universo de iniciativas xuvenís" participan 34 asociacións e colectivos que traballan cos mozos e mozas de Vigo, de xeito que poderán reunir a máis de 2.000 rapaces e rapazas nos tres días que dura a convocatoria. Neste sentido, agradeceulles a súa "colaboración, compromiso e traballo" coa Concellería de Xuventude para poñer en marcha este proxecto. Indicou que o primeiro día, o venres 17 de decembro, o horario será de 17 a 1 horas da madrugada; o sábado será de 11.30 a 1 horas e o domingo de 12 a 21 horas.

Segundo manifestou a concelleira nacionalista, a mocidade "é quen nos ten que propoñer alternativas e nós non somos quen temos que dicirlle o que teñen que facer un sábado pola noite". Asegurou que despois da "gratificante experiencia" da primeira edición, na que se debateron e buscaron alternativas para as novas políticas de xuventude en Vigo, nesta segunda edición "pásase á acción dándolle protagonismo aos colectivos xuvenís da cidade", destacou.

Iolanda Veloso sinalou que nas xornadas terán cabida distintos grupos de interese para a mocidade, dende os clásicos como sendeirismo, karaoke, ou fotografía, ata os emerxentes como manga, rol, graffiti, capoeira, break dance, roller, skate, parkour, slalom, BMX, videoxogos, ou curtametraxes, ademais de concertos musicais de diferentes estilos como rap, reggae ou rock. Comentou que para desenvolver as distintas actividades instalarase unha carpa de grandes dimensións fronte ao Náutico, no espazo que acolle O Marisquiño no verán, polo que asegurou que é unha zona "que xa se relaciona coa xente moza".

Esta carpa acollerá un half-pipe para realizar exhibicións, obradoiros e adestramento libre de diferentes deportes extremos; un escenario no que terán lugar diversos espectáculos e concertos; e varias casetas informativas onde estarán representadas as diferentes entidades xuvenís da cidade. A concelleira nacionalista avanzou que tamén se instalarán outras tres carpas máis pequenas "que funcionarán a modo de diferentes salas nas que se desenvolverán bailes e danzas, obradoiros xogos de rol e, unha terceira, dedicada a proxeccións e presentacións", explicou.

Ademais de amosar o que están a facer unha boa parte dos mozos e mozas da nosa cidade no seu tempo de lecer, Iolanda Veloso salientou que as xornadas tamén teñen o obxectivo de "dar a coñecer os diferentes colectivos e entidades xuvenís de Vigo, para que poidan contactar con eles", así como "exhibir unha parte do universo de actividades propias da mocidade do século XXI, que amosan unha gran creatividade".

O representante da asociación O Marisquiño, Alfredo Reboredo, e da asociación Freak de cultura xaponesa, Icko Viqueira, que tamén participaron na presentación, agradeceron a oportunidade que lles ofrece a Concellería de Xuventude para amosar as actividades que desenvolven no seu tempo de lecer. Ademais, destacaron que é unha gran oportunidade para amosarllo aos pais e as nais e que comproben que non é "nada raro".
Descargar todas as imaxes