mércores, 15 decembro 2010

O alcalde afirma que a humanización de López Mora é a "mostra da política activa do Concello na xeración de emprego"

Abel Caballero visitou hoxe mércores os traballos de humanización da rúa López Mora, con case 3,5 millóns de euros de investimento, unha obra que emprega de xeito directo a 24 persoas durante medio ano, ademais dos postos de traballo indirectos que supón o granito elaborado no área de Vigo. O alcalde tamén subliñou a renovación das canalizacións soterradas de abastecemento e saneamento "nunha das zonas que máis o necesitaba".

O alcalde reclama á Xunta a titularidade para Vigo do vial que une a cidade con A Ramallosa

mércores, 15 dec 2010

Abel Caballero anunciou este mércores o envío dunha carta á Xunta de Galicia reclamando a transferencia da titularidade da parte do vial PO-325 (que une a cidade con A Ramallosa) que pasa por Vigo. O alcalde recordou que tamén "estamos na tramitación" da cesión da Avenida de Madrid, desde Puxeiros ata a Praza de España, como parte da política municipal de que "todas as competencias que teñan que ver coa atención aos cidadáns as teñamos no Concello".

Santi Domínguez salienta que as 1.741 axudas concedidas ao pequeno e mediano comercio duplican ás de 2009

mércores, 15 dec 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, deu conta este mércores da resolución das axudas directas ao pequeno e mediano comercio de Vigo convocadas pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio. O nacionalista destacou que tanto o número de solicitudes como o de axudas concedidas duplicaron as cifras do 2009, con 1.741 establecementos beneficiarios na convocatoria de 2010. Nestes dous anos repartíronse 1.200.000 euros entre 2.603 comercios da cidade.

Benestar reforza á axuda ás persoas máis desfavorecidas coa sinatura de convenios co Banco de Alimentos e Vida Digna

mércores, 15 dec 2010

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinou este mércores dous convenios de colaboración con dúas entidades sen ánimo de lucro como son o Banco de Alimentos e a asociación Vida Digna. A concelleira do BNG destacou que máis aló da cuantía dos convenios, 10.000 euros en total, o obxectivo desta iniciativa é reforzar a axuda que se presta ás persoas máis afectadas pola crise económica e dar a coñecer á cidadanía o tecido social vigués que traballa con este colectivo.

Xabier Alonso anuncia que a tradicional Carreira do Pavo disputarase o vindeiro domingo na Praza de Compostela

mércores, 15 dec 2010

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe a XLIX edición da Carreira do Pavo, que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de decembre, dende as 10.30 horas na Praza de Compostela. O nacionalista destacou que esta carreira, xa plenamente consolidada, ten o aliciente de ser a última das probas programadas no Circuíto de Carreiras Populares que organiza o Concello de Vigo.