Escoitar

O alcalde afirma que a humanización de López Mora é a "mostra da política activa do Concello na xeración de emprego"

Abel Caballero visitou hoxe mércores os traballos de humanización da rúa López Mora, con case 3,5 millóns de euros de investimento, unha obra que emprega de xeito directo a 24 persoas durante medio ano, ademais dos postos de traballo indirectos que supón o granito elaborado no área de Vigo. O alcalde tamén subliñou a renovación das canalizacións soterradas de abastecemento e saneamento "nunha das zonas que máis o necesitaba".

mércores, 15 dec 2010
1292420500lopezmora.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou este mércores que a humanización de López Mora, na que o Concello inviste case 3,5 millóns de euros, é a "mostra da política activa que este concello está levando na xeración de emprego".

Segundo explicou, os traballos de humanización deste rúa central, empregan a 24 persoas durante medio ano de xeito directo, aos que habería que sumar os indirectos derivados, por exemplo, do granito empregado na rúa e elaborado no área de Vigo. Caballero demandou á Xunta de Galicia que "inicie a atención á xeración de emprego en Vigo" e que se sume así ao esforzo "moi importante" do Concello vigués neste aspecto.

O investimento municipal na rúa ascende a case 3,5 millóns de euros, "unha das humanizacións máis poderosas que estamos a facer na cidade", que verá acurtados os prazos de finalización en dous meses, ao asegurar a empresa que estará finalizado en cinco meses e non nos sete inicialmente previstos.

Abel Caballero tamén fixo fincapé na renovación das canalizacións soterradas de saneamento, augas pluviais e abastecemento "nunha das zonas que máis o necesitaba". A rede anterior en condución de auga potable "era unha barbaridade", apuntou, e agora está en parámetros de "modernidade e saúde".

Explicou Caballero que hai dúas conducións de abastecemento en cada marxe da rúa e conducións para eliminar os cables presentes ata o de agora nas fachadas. O alcalde amosou a súa "satisfacción" polo transcurso dos traballos e expresou as súas "desculpas aos cidadáns porque sempre hai molestias", como aconteceu tamén en Pi y Margall, onde a empresa cortou a rúa sen avisar.

As dúas rúas -López Mora e Pi y Margall- estanse a humanizar en catro fases que totalizan un orzamento total de 6,2 millóns de euros e representan "unha moi importante xeración de emprego directo e indirecto".
Descargar todas as imaxes