Escoitar

Benestar reforza á axuda ás persoas máis desfavorecidas coa sinatura de convenios co Banco de Alimentos e Vida Digna

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinou este mércores dous convenios de colaboración con dúas entidades sen ánimo de lucro como son o Banco de Alimentos e a asociación Vida Digna. A concelleira do BNG destacou que máis aló da cuantía dos convenios, 10.000 euros en total, o obxectivo desta iniciativa é reforzar a axuda que se presta ás persoas máis afectadas pola crise económica e dar a coñecer á cidadanía o tecido social vigués que traballa con este colectivo.

mércores, 15 dec 2010
1292420021Benestar.JPG
"As políticas de calquera administración teñen que ir dirixidas aos sectores máis desfavorecidos, a potenciar os servizos sociais e a xerar emprego", subliñou María Méndez. Segundo asegurou a nacionalista, se estes criterios non se cumpren é que non se levan a cabo "políticas de esquerda".

A concelleira de Benestar Social tamén manifestou a súa preocupación polos orzamentos da Xunta "porque contemplan a diminución das axudas ás organizacións sen ánimo de lucro e aos concellos". Para María Méndez, nun momento de crise tan duro como o actual, "no que hai xente que ten que saír da súa casa por non poder pagar o aluguer", dixo, é necesario apostar polas políticas sociais e polas persoas.

"Este é o momento de apostar polas persoas, que é o que estamos facendo dende as áreas da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social", defendeu. Neste sentido avanzou que nos orzamentos municipais para 2011, a concellería que dirixe manterá os convenios con todas as entidades sociais que atenden ás persoas máis desfavorecidas, das que os convenios asinados hoxe son un exemplo. María Méndez expresou o seu compromiso a incrementar as axudas "se é posible".

Respecto a Vida Digna, explicou que se trata dunha comunidade evanxélica que dende hai dous anos abre un comedor durante os fines de semana, "que sempre está cheo e no que se come con total dignidade", apuntou. Sobre o Banco de Alimentos dixo que reparte alimentos ás parroquias e ás asociacións de Vigo. "Nunca tiveron un convenio co Concello de Vigo ata agora, nun momento no que descenderon as doacións, polo que queremos axudalos na medida das nosas posibilidades", manifestou.

Tanto o representante do Banco de Alimentos como o presidente de Vida Digna agradeceron á axuda da Concellería de Benestar Social. Precisamente, o responsable do Banco de Alimentos recoñeceu que a axuda comezou coa concelleira María Méndez, polo que non só expresou o seu agradecemento pola cantidade do convenio, senón tamén pola "colaboración para darnos a coñecer", destacou.
Descargar todas as imaxes