Escoitar

A cuarta edición do mercado de produtos tradicionais galegos do Casco Vello celébrase o domingo no Paseo de Alfonso

O Paseo de Alfonso acollerá o vindeiro domingo, 12 de decembro de 11 a 14 horas, a cuarta edición do mercado de produtos tradicionais galegos na que se poderán atopar produtos relacionados coas festas de Nadal. Segundo informa a Concellería de Patrimonio Histórico, ademais da celebración da feira, haberá unha sesión de contacontos de 12 a 12.50 horas a cargo de Beatriz Campos, da compañía Migallas Teatro, que narrará unha historia que terá a unha cabaza como protagonista.

venres, 10 dec 2010
O obxectivo desta iniciativa, que acadou un notable éxito nas edicións anteriores, é dinamizar as mañás dos domingos no Casco Vello. Precisamente debido á boa acollida da proposta, tense incrementado paulatinamente o número de vendedores e artesáns participantes, que proceden de diferentes puntos de Galiza. Entre outros, pódense atopar produtos de Touza Vella de Castro Caldelas, especializados en lácteos de cabra e Queixerías Daniel Torres coas súas tetillas con denominación de orixe; o pan ecolóxico de Panadería Divina de Santiago; ou os xa habituais produtos de horta que traerán a Finca Condasanta de O Grove ou Edgar e Su de Ventín.

Na convocatoria deste mes de decembro, ademais dos produtos ecolóxicos e con denominación de orixe, na feira tamén se poderán adquirir produtos de artesanía tradicional e de deseños de autor, co obxectivo de que a xente que se achegue ao mercado poda atopar o seu regalo para estas datas. Tecidos de Gondomar e Pontecaldelas, artesanía en coiro, xoias e complementos de autor de Latontaylarubia de Santiago e Candacol de Vigo, obxectos en madeira tallada e torneada e cestería de Vigo, representan o traballo dunha selección de artesáns na que se mextura tradición e contemporaneidade.