Escoitar

María Méndez visita no colexio Apóstol un dos 30 obradoiros para promover a cooperación internacional

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou hoxe un dos 30 obradoiros de sensibilización que se están a desenvolver en diferentes centros educativos da cidade dentro da campaña de sensibilización impulsada polo Consello Municipal de Cooperación Internacional. A nacionalista salientou a importancia de traballar os valores da solidariedade desde as idades máis temperás.

luns, 13 dec 2010
1292246030Apostol.JPG
O obradoiro de hoxe tivo lugar no colexio Apóstol Santiago, un dos 22 da cidade que participan nesta campaña. O "Atrapa contos" Anxo Moure foi o encargado de achegar aos nenos e nenas de Educación Infantil á situación na que viven nos países menos desenvolvidos a través dun conta contos. A actividade tamén chegou aos alumnos e alumnas de Bacharelato.

María Méndez explicou que esta campaña, que se iniciou hai dous meses, pretende sensibilizar sobre os obxectivos do milenio. "Estamos moi satisfeitos porque estamos chegando a 22 centros escolares e facendo que moitos nenos e nenas se familiaricen con palabras como solidariedade ou coñezan como viven os nenos ou nenas doutros países. Estamos conseguindo que a xente do mañá sexa consciente de que hai países que precisan da nosa solidariedade", indicou.

Estes obradoiros son unha máis das actividades que se están a desenvolver por iniciativa do Consello Municipal de Cooperación para achegar á cidadanía os obxectivos do milenio. David Viso, membro do consello e da ONG Entreculturas, sinalou que, entre outras iniciativas, tamén se organizou unha exposición que se está a levar los centros escolares, celebrouse un foro de ONGs e houbo unha sección de curtos solidarios dentro do festival Curtopía. Avogou porque as ONGs que están no consello municipal continúen tendo apoio para seguir traballando a prol da cooperación internacional.
Descargar todas as imaxes