Escoitar

Santi Domínguez di que a participación de Ademar, Barcelona, Ciudad Real e Valladolid garante o éxito da Copa Asobal

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este mércores que o éxito da XXI Copa Asobal de Balonmán, que se celebrará os días 18 e 19 de decembro no pavillón das Travesas, "está asegurado porque os catro mellores equipos do mundo non deixan indeferente a ninguén". Destacouno tras o acto no que se sortearon os emparellamentos das semifinais, que enfrontarán ao Reale Ademar León co F.C. Barcelona Borges e ao Renovalia Ciudad Real co Cuatro Rayas Valladolid.

mércores, 10 nov 2010
1289397198Asobal.jpg
Santi Domínguez destacou que a celebración da Copa Asobal en Vigo é posible grazas ao esforzo de Asobal e do Concello de Vigo, "pero dende o Concello nunca se vai dicir non á posibilidade de organizar un evento deportivo coas características da Copa Asobal", asegurou tras agradecer a asistencia ao acto do presidente da Asobal, Javier Zurriarain, o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, o presidente do club Octavio, Javier Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.

Segundo o nacionalista, dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes se impulsa a celebración en Vigo de eventos como este porque cumpren tres obxectivos que vinculan a promoción da cidade e o deporte. "Estamos convencidos de que a práctica deportiva se eleva con estes espectáculos deportivos", manifestou. Neste sentido expresou o seu desexo de que o Octavio xogue na Liga Asobal, o cal ao seu xuízo fará que se incremente a práctica do balonmán, "un dos deportes maioritarios en Vigo", afirmou.

Ademais, o tenente de alcalde asegurou que "queremos eventos deportivos que sirvan para promocionar a cidade". Ao respecto explicou que os grandes acontecementos deportivos teñen unha ampla repercusión no sector turístico en xeral e no hoteleiro en particicular. Finalmente, destacou que o obxectivo destes eventos é que Vigo "siga sendo referente no mundo deportivo", polo que confirmou a súa intención de seguir traballando nesta liña.

O presidente da Liga Asobal, Javier Zurriarain, comentou que os catro equipos participantes na Copa son os que quedaron nos catro primeiros postos da liga pasada e os que están situados nos catro primeiros na liga actual. "Isto quere dicir que Vigo terá os catro equipos españois dos últimos anos", salientou. Destacou tamén o esforzo do Concello de Vigo e Asobal na decisión de que a Copa se celebre en Vigo, "ligado á idea da gran calidade do balonmán vigués", indicou. Neste contexto expresou a confianza de que proximamente volva a haber outro equipo galego na liga Asobal.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, afirmou que o esforzo do Concello de Vigo "é obrigado", porque se inxire na concepción deportiva da Concellería. Neste sentido menciounou a creación de novas infraestructuras, pero tamén na celebración de eventos deportivos de ampla repercusión. Expresou que está "encantado" coa celebración en Vigo da Copa Asobal porque "ofrece a posibilidade de ter o mellor balonmán de España e ter un espectáculo deportivo extraordinario, vencellado coa realidade e a forza que ten o balonmán na cidade".

Xabier Alonso indicou por outra banda que a competición tamén "dará a oportunidade de que o deporte de base participe na festa do balonmán". Ao respecto explicou que entre a primeira e segunda semifinal, prevista para o sábado 18 ás 16 e 20 horas respectivamente, os rapaces e rapazas "poderán ver aos seus ídolos e participar na festa".
Descargar todas as imaxes