Escoitar

O tenente de alcalde di que a retirada do escudo franquista da Casa das Artes fará do edificio "un símbolo da liberdade"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asistiu este martes, xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, o inicio dos traballos de retirada do escudo e as incricións preconstitucionais do frontón da Casa das Artes. O nacionalista salientou que tras o remate deste proxecto, nun mes aproximadamente, a Casa das Artes "vai ser símbolo da liberdade e a democracia", ao supora a eliminación da simboloxía franquista un paso máis na recuperación da memoria histórica.

martes, 9 nov 2010
1289308928escudo.jpg
Santi Domínguez afirmou que o escudo preconstitucional é un "símbolo da ditadura inxusto contra a democracia e a liberdade" e a súa eliminación permitirá dar un paso máis no recoñecemento ás persoas que foron perseguidas ou asasinadas durante a guerra civil e a ditadura. Para o tenente de alcalde, é preciso restituir a memoria e a imaxe das institucións públicas "para que nunca máis apelen a unha época tremendamente escura como a ditadura".

O nacionalista explicou que a intervención consistirá no picado das zonas do escudo e as inscricións talladas na pedra relativas ao triunfo do alzamento militar, rebaixando o paramento entre 3 e 5 centímetros. Indicou que se manterán os relevos das dúas figuras humanas situadas como remate das pilastras e que a imaxe do frontón restituirase con pezas de pedra similares ás do edificio. Ao respecto indicou que os sillares que se empregarán foron recuperados de derrubas de edificios da mesma época que tiñan unha fábrica de pedra da mesma cantería.

O tenente de alcalde afirmou que a opción elixida para a retirada desta simboloxía franquista ten un orzamento superior aos 43.000 euros e conta co visto bó da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Xesus López destacou que se aproveitará esta actuación para limpar a fachada do edificio.

A preguntas dos xornalistas sobre a permanencia doutros símbolos preconstitucionais na cidade, Santi Domínguez repostou que aínda queda algún símbolo nalgunha igrexa, "pero das áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía este era o único que quedaba". Sobre a cruz do Castro aseguró que se fora pola BNG "xa non estaría aí".
Descargar todas as imaxes