Escoitar
O alcalde visitou as instalacións do centro de formación para ver a marcha dos traballos

Navia acollerá unha composición dun barco realizada por alumnos de Formega

A peza será unha estrutura composta pola ponte dun pequeno barco realizado por alumnos de Caldeirería Industrial este ano e unha proa feita o pasado ano. Estudarase o equilibrio da composición para ser trasladada posteriormente a Navia. O alcalde destacou na visita o magnífico traballo realizado polos alumnos e felicitou ao centro de formación pola alta calidade das actividades que están a levar a cabo.

martes, 9 nov 2010
1289309418formega.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou na mañá deste martes as instalacións da Fundación Galega do Metal para a formación, cualificación e emprego (FORMEGA), emprazada en Cabral, para comprobar a marcha dos traballos realizados por alumnos de Caldeirería Industrial que veñen de rematar a ponte -ponte de goberno e entreponte- dun pequeno barco.

Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor e pola xerente de Formega, Susana Barreras, entre outros, destacou a magnífica labor desenvolvida polos alumnos debido, segundo apuntou, a "alta calidade de formación" que se está a impartir neste centro.

Despois de varios meses de traballo a ponte do barco está xa rematada e so lle falta a pintura aínda que hoxe acordouse realizar unha composición collage cunha proa realizada no curso pasado por alumnos de Formega, sempre que as dúas pezas acaden un bo equilibrio para poder ser exhibidas en conxunto no barrio de Navia. Esa foi a proposta realizada polo rexedor socialista quen ademais agradeceu a doazón feita polo centro de formación.

Nesta acción formativa participaron un total de 15 alumnos de Caldeirería Industrial en situación de desemprego, curso que consta dun total de 1.020 horas de formación teórico práctica.

O pasado ano Formega formou en Vigo a cerca de 5.000 persoas desempregadas e en activo, con especialidades moi demandadas coma soldadura, operador de carretillas elevadoras, calderería industrial, tubaxe, enerxía solar térmica ou tubaxe, entre outras.
Descargar todas as imaxes