Escoitar

O alcalde salienta a magnífica acollida entre os alumnos do programa Arte na Aula

Abel Caballero visitou na mañá deste mércores o CEIP García Barbón, onde se exhibe a mostra itinerante "Arte na Aula" pensada para desenvolver a creatividade entre o alumnado de educación primaria. Os estudantes recibiron ao alcalde ás portas do centro educativo e lle deron mostras da gran capacidade imaxinativa que posúen

mércores, 10 nov 2010
1289395629Artenaaula.jpg
A iniciativa, promovida pola concellería de Educación en colaboración co artista vigués Mingos Teixeira, está composta por obras de 22 artistas de recoñecido prestixio en distintos soportes. A idea e contribuír a fomentar a imaxinación e a creatividade a través do achegamento a arte no contexto escolar.

Deste xeito trabállase a aprendizaxe da comunicación visual e a súa expresión plástica coma ferramenta interdisciplinar facendo posible que todos os sectores da comunidade educativa entren en contacto coas obras de arte e os seus creadores, ademais dunha participación activa nas visitas guiadas e conferencias que se imparten en cada un dos centros acollidos a esta iniciativa.

Na visita de hoxe o alcalde comprobou a boa marcha do taller no que os estudantes esmeráronse por dar renda solta a súa imaxinación a través dun exercicio proposto polo artista Mingos Teixeira. Na visita tamén estaban presentes a concelleira de Educación Laura López Atrio, ademais de artistas coma Pedro Solveira, Alba Pardo ou o propio Mingos Teixeira, entre outros.

A mostra itinerante na que se exhiben pinturas, gravados e esculturas destes grandes creadores permanecerá no CEIP García Barbón por un período aproximado de 10 días. No programa están a participar preto de 2.500 alumnos de 13 centros escolares da cidade.
Descargar todas as imaxes