mércores, 27 mar 2013
O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentaron este mércores a programación para abril e maio no Auditorio Municipal, 18 espectáculos musicais, teatrais e de danza para todos os públicos e con prezos máximos de 7 euros.
mércores, 27 mar 2013
Tras o acordo do Parlamento de Galicia para paralizar a construción dos dous últimos edificios da Cidade da Cultura de Santiago, Abel Caballero sumouse hoxe mércores á decisión parlamentaria e reclamou á Xunta de Galicia que adique os fondos para a cultura "de acordo á poboación de cada lugar de Galicia".
mércores, 27 mar 2013
Este domingo 31 de marzo clausúrase nas salas da planta baixa do MARCO a exposición ‘A BALEA NEGRA’, a mostra conmemorativa do seu 10º Aniversario. Un proxecto expositivo que toma como punto de partida a crise provocada polo accidente do buque Prestige o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO, para documentar e rememorar aqueles días convulsos e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.
luns, 25 mar 2013
A Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), acolle a mostra de traxes tradicionais "1809. Os papeis do home e da muller", integrada nos actos da Reconquista da vila de Vigo, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas.
luns, 25 mar 2013
O Museo Liste de Vigo alberga ata o vindeiro 30 de marzo unha pequena mostra de figurados portugueses de temática relacionada coa Semana Santa baixo o nome "A paixón segundo Barcelos".
mércores, 20 mar 2013
A Biblioteca Municipal "Xosé Neira Vilas", sita na rúa Martínez Garrido 21, presenta a súa programación de primavera, para o período abril-xuño, que inclúe unha serie de actividades diversas, dirixidas a todos os públicos, e onde destacan as actividades adicadas a Rosalía de Castro, con motivo do 150º aniversario da edición de "Cantares Gallegos": unha exposición de diferentes portadas de publicacións que neste século e medio se fixeron da obra da escritora; actividade "Rosalía, unha meniña" para nenas e nenos maiores de 7 anos, con motivo do Día do Libro infantil, o 2 de abril; obradoiro de hip-hop, con motivo do Día do Libro, o 23 de abril; e "Ola ríos, ola fontes", actividade para nenas e nenos a partir dos 3 anos.
mércores, 20 mar 2013
O alcalde eloxiou a "xenialidade" dos dous autores polo que animou aos vigueses a presenciar este sábado, ás 21 horas no Auditorio municipal do Concello, a "Música Ligera" de Lomba e Manquiña, que interpretan a "un artista... e un manager". As entradas á venda por 12 euros.
martes, 19 mar 2013
Este mércores, 20 de marzo, comeza a oita edición do Festival Coral de Música Sacra, organizado pola Asociación de Corais polifónicas de Vigo (ACOPOVI), en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas. O festival contará cun total de trece concertos en diversos espazos da cidade e ata o 30 de marzo.
luns, 18 mar 2013
Este mércores, 20 de marzo, ás 21,00h, terá lugar no auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música (rúa Manuel Olivié 23), o segundo concerto da Orquestra VIGO 430, dentro do seu Programa Sinfónico de Primavera, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas.
luns, 18 mar 2013
O Auditorio Municipal acollerá todos os luns do ano (a exepción de xullo e agosto) a exhibición unha película en versión orixinal. Un convenio asinado hoxe luns entre o alcalde e o responsable da entidade determina que o Concello aportará 13.500 euros, ademais da cesión do Audotorio Municipal.