xoves, 13 xuñ 2013
A última película do director vigués Juan Pinzás estrénase mañá venres nos cines Gran Vía, unha boa oportunidade para "sentirnos orgullosos dun vigués que presenta as súas obras na súa cidade natal", dixo o alcalde. O director detallou características da que é o seu oitovo filme, ao tempo que o rexedor destacaba a súa capacidade artística e creativa.
mércores, 12 xuñ 2013
Hoxe mércores, 12 de xuño, ás 20:00 h, ten lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a inauguración de AFINIDADES SELECTIVAS 6, froito do convenio de colaboración asinado entre a concellería de Cultura e Festas e a Universidade de Vigo. Trátase dunha exposición colectiva, comisariada por Almudena Fernández Fariña, de Berta Cáccamo + Mar Vicente; Chelo Matesanz + Natalia Umpierrez; X. M. Buxán + Alex Mene eYolanda Herranz + Basilisa Fiestras<br />
luns, 3 xuñ 2013
A Bilioteca Pública Central de Vigo (R/ Joaquín Yáñez 6), co obxecto de facilitar o estudo e o uso das instalacións públicas, ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura desde venres 7 ao domingo 30 de xuño, ambos inclusive.
xoves, 23 mai 2013
O venres, día 24 de maio, ás 20,00 h, inaugurarase na sala do primeiro andar do MARCO (Príncipe, 54) a exposición ‘PATRICIA ESQUIVIAS. Todas as tradicións son inventadas’, comisariada por Agar Ledo Arias. A exposición de Patricia Esquivias (Caracas, Venezuela, 1979) leva por título unha frase derivada dun dos máis influintes ensaios do historiador marxista Eric Hobsbawm, no que describe a orixe recente de moitas tradicións que permanecen na sociedade e que, non obstante, son produto da invención. A súa orixe pode ser máis ou menos rastrexable, pero todas teñen en común a súa relación co pasado e coa historia, o elemento lexitimador.
xoves, 23 mai 2013
Abel Caballero participou este xoves na Praza da Constitución na presentación da segunda edición deste evento, que este ano engade a categoría infantil ás habituais de longametraxe, curtametraxe e videoclip. O Festival dará comezo o próximo mércores, 29 de maio, e pecharase o seguinte domingo coa entrega de premios.
xoves, 16 mai 2013
A Biblioteca Pública Central de Vigo (r/ Joaquín Yáñez, 6) permanecerá pechada, por motivos de seguridade, entre os días 20 e 26 de maio, ambos inclusive, debido aos necesarios labores de tratamento de control preventivo-curativo contra xilofagos, levados a cabo polo servizo de Control de Pragas do Concello de Vigo e en coordinación coa dirección da citada biblioteca dependente da Xunta de Galicia. O luns 27, a biblioteca xa funcionará con normalidade.
xoves, 16 mai 2013
A Fundación Liste - Museo Etnográfico de Vigo, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, no seu desexo de contribuír ao desenvolvemento da artesanía e co obxectivo de apoiar e promocionar o traballo do colectivo artesán, brinda un espazo no C.A.T. (Centro de Artesanía Tradicional) para expor os traballos seleccionados a través desta convocatoria. Este proxecto, bautizado co nome de "O Escaparate", ofrece un espazo expositivo nas instalacións do C.A.T. (Subida ao Castelo, 10), de xeito que o traballo deste colectivo chegue a un maior número de público.
xoves, 16 mai 2013
Con motivo do Día Internacional do Museo a Concellería de Cultura e Festas amplía o horario de apertura dos seus tres centros museísticos (Verbum-Casa das Palabras, Museo "Quiñones de León" de Castrelos e Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego") o sábado 18 e o domingo 19 de maio, de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:00 h; ademais, contarán cun programa de visitas guiadas ás 12:00 h, 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h e 19:00 h, cunha duración aproximada de 40 minutos. En total, serán dous grupos por cada hora, para un máximo de 30 persoas cada un deles, por orde de chegada.<br />
<br />
venres, 10 mai 2013
O alcalde, Abel Caballero, e o Presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, Roberto Giráldez, rubricaron este venres o convenio para a realización de 34 actuacións de música e danza tradicional polos barrios e parroquias e 6 máis de teatro afeccionado. O Concello subvenciona ambos programas con 13.500 euros.
xoves, 9 mai 2013
O vindeiro venres 10 de maio inaugurarase na Fundación Laxeiro (3º andar da Casa das Artes, r/ Policarpo Sanz, 15), coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, a exposición "Espiñas coroadas", do artista Lito Portela (Moaña, 1958), que amosa a súa reflexión sobre a natureza, as persoas e o estranamento destas ante o mundo que nos rodea e nos acolle.